Parque natural Fragas do Eume: ás portas do 25 aniversario, sen plan reitor e cun bosque único en proceso de “degradación”

Fragas do Eume

Sete organizacións ecoloxistas denuncian o desleixo da Administración, que as fai ser pesimistas respecto do futuro da "a mellor mostra de bosque atlántico de Europa".

O Parque natural Fragas do Eume está a piques de facer 25 anos de vida e é o único dos sete parques galegos que carece aínda dun Plan reitor de uso e xestión (PRUX). Algo que sete organizacións ambientalistas – Hábitat, Sociedade Galega de Historia Natural, Adega, Betula, Grupo Lobo, Rebinxe e Federación Ecoloxista Galega- consideran inxustificábel.

Critican que desde a Xunta se os estea a tratar como “convidados de pedra” e manifestan que “dende a declaración de parque natural, este espazo protexido ―proclamado oficialmente como a mellor mostra de bosque atlántico de Europa― ten sufrido un proceso de degradación continuado”.

A ausencia de medidas efectivas para deter este proceso e lograr revertelo contrasta, apuntan, “coa utilización publicitaria da súa imaxe nas campañas de promoción do turismo da Xunta, onde ofrecen unha visión idealizada do parque”.

A consecuencia é que teñen feito del unha trampa para turistas, afirman estas organizacións, que esperan atopar un bosque ben preservado nunha paisaxe espectacular, “mais logo atopan un entorno degradado pola intensa eucaliptización do val do Eume”.

Boa parte dos eucaliptais do parque son ilegais, afirman, sinalando que é algo que recoñece a propia Administración, “sen explicar o motivo polo que até o momento a Administración non ten actuado en consecuencia”.

A importancia deste parque natural radica en que aínda alberga pequenas mostras do bosque atlántico termófilo, un tipo de formación arbórea moi escasa  “Estes bosques son cruciais para conservar a biodiversidade, mais tamén como bosques protectores dos recursos hídricos e de modulación das temperaturas nun contexto de crise climática, que cada vez amosa con máis rigor as súas consecuencias”.

Neste sentido, proseguen, a zonificación prevista no PRUX soamente garante a conservación do bosque en aproximadamente a terceira parte da superficie do parque. “Na meirande parte da súa superficie o bosque non ten garantido o seu futuro”.

Eucaliptos e eólicos

A situación do parque natural é deprimente, pois ademais da intensa eucaliptización que sofre, conta cun río no que non se ten respectado o caudal ecolóxico nin a calidade da auga, o que fai que as súas comunidades acuáticas sexan máis pobres que en ríos próximos que non están protexidos coa figura de parque natural.  O entorno inmediato está ameazado pola instalación de aeroxeradores de 200 metros de alto nas propias lindes do parque, o que vai producir unha gran mortaldade nas aves e morcegos que alberga”.

Finalmente sinalan estes sete colectivos, “somos pesimistas respecto de que o PRUX que está a elaborar a Xunta aborde con eficacia os problemas que sofre o parque e garanta así o seu futuro, pois fáltalle ambición. Sospeitamos que atenderá máis ás presións de intereses privados espurios, centrados en espremer o territorio até a súa degradación, no canto de ―como no conto da galiña dos ovos de ouro― coidalo e restauralo, para que se manteña vizoso”.