Abre o prazo de información pública do parque eólico Órrea, en Agolada: así sería o proxecto

Aldesa promove os parques eólicos Mesada e Órrea. (Foto: Pedro Sala)
Por outra parte, o Goberno galego autoriza o parque Farrapa II, na Pastoriza e Abadín.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) someteu ao proceso de información pública esta quinta feira o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización previas e a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Órrea, situado no concello de Agolada.

O proxecto, que prevé a instalación de dez aeroxeradores cunha potencia de 42 megawatts (MW), está impulsado por Aldesa Energías Renovables de Galicia SL e conta cun orzamento de 45,8 millóns de euros.

Cómpre lembrar que o pasado mes de abril a Consellaría de Medio Ambiente obrigou a someter ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria o proxecto da liña de alta tensión que evacuaría a enerxía xerada neste parque e no de Mesada, promovido pola mesma compañía e que afectaría, alén de Agolada, Lalín e Vila de Cruces.

Os gobernos destes tres municipios opuxéronse ao proxecto alegando os danos que ocasionaría, a nivel ambiental e pasisaxístico, en lugares como os Sobreirais do Arnego, alén de detectar posíbeis vulneracións da normativa urbanística.

Agora ábrese un prazo de 30 días para que as persoas ou entidades que se consideren prexudicadas polo proxecto presenten as súas alegacións.

Autorizado o Farrapa II

Por outra parte, esta mesma semana o DOG publicou a autorización administrativa previa outorgada polo Goberno galego ao proxecto Farrapa II, declarado de utilidade pública, nos concellos da Pastoriza e Abadín. É un proxecto da compañía Norvento e prevé instalar unha potencia de 20 MW.