O parque eólico de Lalín pon en perigo especies endémicas ameazadas, advirten ecoloxistas

Píntega rabilonga

Como a píntega rabilonga,  o furapresas ou desmán ibérico.

Ecoloxistas en Acción solicita a denegación da autorización dos parques eólicos en Val do Folgoso  e en Monte dos Porcallos (Lalín) ante, sinala, o grave impacto sobre especies endémicas ameazadas que implicarían estes proxectos.

Os hábitats acuáticos situados no centro xeográfico de Galiza, explican, constitúen na actualidade un oasis de biodiversidade fronte ao “imparábel avance do eucalipto”. Ecoloxistas en Acción fai un chamamento para a súa conservación e preservar así as especies que o habitan, como a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica).

Sinalan que este anfibio endémico e ameazado conta en Galiza coa maior parte da súa área de distribución mundial. Esta especie vese acompañada nos regatos da zona polo furapresas ou "desmán ibérico" (Galemys pyrenaicus), especie de toupa acuática endémica da metade Norte da Península Ibérica, en grave retroceso en área de distribución e efectivos no país. “Esta espécie é única no seu xénero e conta únicamente cun parente vivo en Rusia”.

Lexislación

Ademais alertan da grave afectación sobre diversos hábitats de interese comunitario e, polo tanto protexidos pola lexislación europea, como as turbeiras, os queirugais, as matogueiras húmidas, as fragas atlánticas ou os bosques de galería.

Ecoloxistas en Acción sinala o Goberno Galego como principal responsábel da “deficitaria conservación e protección dos hábitats prioritarios en Galiza”. A organización ecoloxistas anuncia que presentou alegacións a ambos proxectos ante o Ministerio de Política Territorial e denuncia a grave afectación sobre os hábitats acuáticos que estos parques eólicos terían de levarse a cabo.