Denuncia Salvemos Cabana

As obras para a instalación dun parque eólico fan desaparecer “un dos penedos máis singulares da Costa da Morte”

[Imaxe: Salvemos Cabana] Así era o penedo.

A instalación dun parque eólico na Serra do Gontón, entre Cabana de Bergantiños e Zas, fixo desaparecer o Penedo do Castelo, unha formación granítica próxima a unha área arqueolóxica catalogada. Denúnciao a plataforma Salvemos Cabana.

Salvemos Cabana denuncia que o uso de explosivo nas obras para a instalación dun parque eólico de Naturgy na Serra do Gontón, entre Cabana de Bergantiños e Zas, “fixo desaparecer para sempre o coñecido como Penedo do Castelo, unha singular formación granítica próxima á área arqueolóxica catalogada do Castelo de Borneiro”.

Nun comunicado, a plataforma sinala que informou dos feitos a Dirección Xeral de Patrimonio, tendo en conta que a Declaración do Impacto Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente recollía que “se os afloramentos rochosos existentes na zona tiveses interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados sen que se vexan afectados polas obras”.

A entidade responsabiliza a Xunta de Galiza da situación, pois, dentro das súas competencias, “debe impedir o deterioro paisaxístico e ambiental”.

A destrución do penedo chega despois de que a subcontrata de Naturgy -antiga Gas Natural Fenosa- que traballa na construción do parque eólico detonase con explosivos “o sector sueste do monte costeiro de 380 metros de altura que lle dá o nome ao macizo” e cortase “centos de árbores nunha zona de piñeiral de alto valor ecolóxico na área de instalación dun dos aeroxeradores”.

Outras entidades, como O Petón do Lobo, advertiran no seu dia de que o parque ía supoñer “unha grave desfeita do patrimonio cultural e arqueolóxico, e unha catástrofe sen precedentes na historia da comarca de Bergantiños polo seu impacto significativo sobre a paisaxe e o declive do turismo, se temos en conta a relevancia paisaxística, arqueolóxica e ambiental da zona afectada”.

O proxecto de Naturgy ao que a Xunta de Galiza deu luz verde conta con tres grandes aeroxeradores, cunha altura máxima duns 150 metros e que se situarán nas inmediacións da Rede Natura. En altura poderían superar o edificio máis alto da Galiza, a torre Costa Rica, na Coruña, que mide 119 metros.

[Na imaxe interior, resto do penedo]