greve de mulleres 8m

A greve feminista colle forza, con incidencia nos sectores laborais máis feminizados

Embora que a maioría da actividade nas quendas de noite é en sectores masculinizados, houbo importantes seguimentos da greve - por riba de 90%- das traballadoras de Denso, Plastic Omnium ou a planta de Einesa nas Pontes. No Sergas só se cumpriron os servizos mínimos.

A greve xeral de mulleres do 8M xa é unha realidade. Embora nas quendas de noite o seguimento estar condicionado polo feito de que a actividade se desenvolve en sectores moi masculinizados e nos que boa parte da quenda a realizan os homes, houbo importantes apoios á folga.


Así, informan desde a CIG, nos hospitais da rede do Sergas só se cubriron os servizos mínimos, tanto no que ten a ver co persoal sanitario como nos servizos da limpeza hospitalaria. Nos sectores máis precarizados e feminizados da administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores, centros de día e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos impostos polo Goberno galego, segundo a CIG.

 

Na zona de Vigo, os primeiros datos sinalan que nesta quenda están parando 90% das traballadoras de Alonarti, Denso, Domiberia, Grupo Copo e Plastic Omnium. Salienta o sindicato a incidencia en empresas como GKN, Marsan, BorgWarner, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, ou Carchidea. Outras nas que está a ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark. De igual xeito, rexístrase un elevado seguimento en empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e Unísono.

 

Zona de Pontevedra, a greve nótase, informa a central nacionalista, en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria sitúase en torno a 80%. No caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixa a 40%.

 

Na área da Coruña déixase notar na administración pública, pois están pechados todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. Agárdase un seguimento importante no comercio e no comedor de Zara Loxística a maioría das  traballadoras van á greve, polo que non se poderán dar comidas. No sector industrial, as traballadoras de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e 50% da traballadoras de Ferroatlántica de Cee. En Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento supera o 85%.

 

En Compostela, 100% das traballadoras da cafetería do Hospital Clínico non acudiron aos seus postos. Arredor de 90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis de 50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames. Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller que hai neste servizo, que tamén está facendo folga.

 

Na zona da Barbanza, e segundo CCOO, houbo importante seguimento do pao na quenda de noite da conserveira Jealsa, das máis importantes de Galiza. 

 

En Ferrol a esta hora o paro séntese entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é do 100%.

 

Na provincia de Lugo, nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Abeiro Gold hai un importante seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da cidade. En Monforte a folga de mulleres estase sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello.

 

En Ourense, a folga de mulleres faise notar en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.


A greve non é só laboral, senón que o movemento feminista convoca tamén a folga de consumo, de coidados e estudantil. Nos campus universitarios galegos hai un movemento moito menor ao que é habitual por mor do seguimento da folga.

 

Feche na USC

 

Estudantes da USC proptagonizaron na noite da quinta a sexta feira un feche non mixto na Facultade de Psicoloxía. Un acto para denunciar a violencia nas aulas e a inseguridade nos campus, para alén de demandar unha “resposta real” ás agresións.

 

Xunta

 

A Xunta cifra o seguimento da greve na dministración pública en 12%. Por ámbitos sectoriais, cifra nun 9,55% o seguimento en educación, nun 10,14% en sanidade e nun 18% na administración de xustiza.

 

Mobilizacións. Hora e lugar

A Coruña: 19.30h. Obelisco.

Ames: 12h Praza do Concello

Allariz: 12h. Praza da Barreira.

A Estrada: 12h. Praza do Mercado

A Guarda: 12:30H. Praza do Reló

A Pobra de Trives: 19h Casa do Concello.

As Pontes: 12h. Praza do Concello.

Baiona: 11.50h. Quedada no Peirao de Baiona para ir á concentración na Ponte da Ramallosa (13h.).

Betanzos: 12h. Praza da Constitución.

Bueu: 12h. Casa do Concello.

Burela: 20h. Estación de Tren.

Cangas do Morrazo: 20h. Praza do Concello.

Carballo: 20h. Xulgados

Cee: 12:30. Praza 8 de Marzo

Chantada: 12h. Praza Galiza.

Castro Caldelas: 17 h. Praza do Prado

Cedeira: 12h diante do concello

Compostela: 11.30h. Treboada Feminista. Manifestación 20 h. Praza 8 de marzo.

Cuntis: 19.30h. Centro Saúde.

Ferrol: 19h. Praza Amada García.

Gondomar: 11.50h. Encontro para ir á Ramallosa. Praza de Abastos.

Lalín: 12h. Praza da Igrexa.

Marín: 20.30h. Praza Concello.

Melide: 20h. Praza do Convento

Miño: 12.30h. Rotanda da Rúa Raxel.

Moaña: 12h. Praza do Concello

Monforte: 20:30h. Praza España

Nigrán: 11.50h. Encontro para ir á Ramallosa.

Noia: 20h na Praza do Concello

O Barco de Valdeorras: 20h. Escoita as mulleres de Valdeorras na Praza do Concello

Ortigueira: 12h. Diante do Concello.

Ourense: 13h. Concentración e xantar Praza Maior. 20h. manifestación desde a Subdelegación do Goberno.

Padrón: 20h na estatua de Rosalía

Poio: 15h. Xantar colectivo no Fogar Armadiña. 17h Plantación de plantas lilás no fogar.  Asistencia á concentración da mañá e á manifestación da tarde en Pontevedra

Ponteareas: 12h. Praza Bugallal.

Pontevedra: Concentración 13h. na Praza da Ferraría. Manifestación 20h. Praza do Hospital.

Redondela: 12h. e 19h. Praza da Constitución

Rianxo: 20h. Praza Castelao.

Ribadeo: 12h. Praza 8 de Marzo. 18.15h. saída do aparcadoiro de San Lázaro para manifestación en Burela ás 20h.

San Cibrao: 19.30h. Porto, saída cara a Burela para acudir á manifestación das 20h.

Trabada: 18h na Praza do Concello.

Valadouro: 10:30h. Tendal de mandís

Viana do Bolo: 12H. Praza Maior

Vicedo: 18h. Porto. Saída para Burela.

Vilamartín de Valdeorras: 11:30h Praza do Concello

Vigo: 20h. Praza España.

Vimianzo: 20:30h Praza do Concello.

Vilagarcía: 20.00h. Praza de Galiza.

Vilalba: 12.30h. (Praza Circular) e 20.30h. (Praza Constitución)

Viveiro: 12h. Praza Maior. 18.30 horas, saída para Burela.

Xove: Xuntanza de mulleres, 17h. local das Bolboretas. Xantar colectivo e faladoiro feminista.