O QUE CÓMPRE SABER SOBRE A GREVE

8M: Guía da folga. As mulleres paran para avanzar todas

Greve laboral, de coidados, de consumo e estudantil. O movemento feminista chama a paralo todo esta sexta feira para denunciar e evidenciar a desigualdade e violencia contra as mulleres en todos os campos. Convocatorias en cidades e vilas de todo o país reforzan unha xornada, 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, chamada a facer historia.

A II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas (Copenhage, 1910) fixou a proposta de Clara Zetkin de instaurar o 8 de Marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. A elección da data continúa a ter diferentes versións: desde que se elixiu o 8M polo motín de mulleres rusas nese día de 1917 perante a falla de alimentos até a greve de operarias do téxtil en Nova Iork que nese día de 1857 rematou con ducias de traballadoras asasinadas por reivindicaren os seus dereitos. En todo caso, elas, en feminino plural, suxeitos da historia, protagonistas.


109 anos despois daquel transcendental congreso este 8M amence cunha greve xeral das mulleres en marcha. Unha folga que colle o testemuño dunha convocatoria, a do 2018, na que o feminismo fixo historia. Nestes meses traballouse para que a greve deste 8M do 2019 vaia un paso máis alá en incidencia e seguimento.


Quen convoca?

Galegas8M, unha rede de colectivos xurdida ao albor da folga do pasado ano. Ese ano fixeron a súa primeira convocatoria unitaria -multitudinaria manifestación do 4 de marzo en Vigo- e tras o éxito decidiron apostar de novo por esta fórmula este ano 2019. Non só convocan a manifestación unitaria nacional, senón que se encargan de organizar mobilizacións por todo o país o día 8: percorridos, peches, bloque non mixto ou espazos de coidados, entre outros. A xornada é o resultado do traballo de meses en asembleas que tiveron lugar en distintos puntos. Está composto por máis de 50 colectivos e asociacións, ademais de mulleres a nivel individual. O lema deste ano é "Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista". 

Galegas8m chama á greve feminista de 24 horas, se ben non todos os sindicatos se uniron á súa convocatoria. As asembleas de mulleres de CIG, CUT, CNT, e SLG forman parte de Galegas8m e convocaron cadansúas convocatorias de paros de 24 horas. CCOO e UXT convocan a nivel estatal paros de dúas horas por quendas, aínda que con posibilidade de amplialos.


Cales son os obxectivos?

A Folga de Mulleres asúmese desde o movemento feminista "como ferramenta para reclamar un mundo diferente no que o noso dereito a vivir unha vida digna se coloque no centro da axenda política, económica, social, educativa". Reivindícase así a soberanía sobre os nosos corpos e identidades, a soberanía sobre os nosos desexos, a soberanía sobre a vida que escollemos vivir, a soberanía alimentar, a soberanía política para o noso país, unha sociedade xusta na que os coidados sexan tarefa de todas e todos e a vida o centro da axenda política, garantir a igualdade de oportunidades e de dereitos nas condicións de traballo e na esfera social e o dereito a unha vida sen violencias de ningún tipo.


É legal?

É, a greve foi rexistrada polos sindicatos perante os organismos correspondentes (Traballo) e cumpre con todos os requisitos legais. "Todas as mulleres que secunden a Folga Xeral Feminista de 24 horas terán cobertura legal para exercer este dereito", indican desde o colectivo. 


Como se sumar á greve?

A folga está formulada como un paro total de eixos da vida diaria nos que as mulleres teñen parte fundamental, polo que se estrutura en folga laboral, folga estudantil, folga de coidados e folga de consumo. Quen se quer unir á folga pode secundar os paros laborais e estudantís, secundar as diferentes mobilizacións e concentracións convocadas por todo o país, deixar de coidar sen delegar noutras mulleres, deixando de mercar e consumir nesta xornada, nomeadamente naquelas grandes empresas símbolo de explotación ás traballadoras ou amosar o seu apoio á greve pendurando mandís e outros elementos nos balcóns.

 

Os homes poden sumarse?

Legalmente si. A convocatoria de greve cobre homes e mulleres. Desde o feminismo clarifican que o papel dos homes nesta xornada debería ser o de axudar e apoiar as mulleres para que elas poidan levar o protagonismo no seu día de loita sen acumular cargas na súa vida privada. Así, deberían asumir as tarefas de coidados (crianza, alimentación, doméstico, maiores) durante todo o día, evitando que estas fiquen pendentes e dupliquen o traballo das mulleres os días seguintes á folga. Deberían tamén difundir e apoiar as convocatorias de folga e mobilizacións, acudir aos centros de traballo e visibilizar a folga de mulleres nos seus postos.

 

Que partidos apoian a convocatoria?

Na Galiza, En Marea, PSdeG e BNG amosaron o seu apoio á folga de mulleres. Segundo o movemento feminista, a Xunta está a poñer trabas e dificultar o desenvolvemento da xornada mediante o incremento dos servizos mínimos. Ciudadanos, a nivel estatal, sumouse este ano á folga logo de que o ano pasado a rexeitase nos días previos e se unisen no último momento en vista do éxito.
 

Mobilizacións. Hora e lugar

A Coruña: 19.30h. Obelisco.

Ames: 12h Praza do Concello

Allariz: 12h. Praza da Barreira.

A Estrada: 12h. Praza do Mercado

A Guarda: 12:30H. Praza do Reló

A Pobra de Trives: 19h Casa do Concello.

As Pontes: 12h. Praza do Concello.

Baiona: 11.50h. Quedada no Peirao de Baiona para ir á concentración na Ponte da Ramallosa (13h.).

Betanzos: 12h. Praza da Constitución.

Bueu: 12h. Casa do Concello.

Burela: 20h. Estación de Tren.

Cangas do Morrazo: 20h. Praza do Concello.

Carballo: 20h. Xulgados

Cee: 12:30. Praza 8 de Marzo

Chantada: 12h. Praza Galiza.

Castro Caldelas: 17 h. Praza do Prado

Cedeira: 12h diante do concello

Compostela: 11.30h. Treboada Feminista. Manifestación 20 h. Praza 8 de marzo.

Cuntis: 19.30h. Centro Saúde.

Ferrol: 19h. Praza Amada García.

Gondomar: 11.50h. Encontro para ir á Ramallosa. Praza de Abastos.

Lalín: 12h. Praza da Igrexa.

Marín: 20.30h. Praza Concello.

Melide: 20h. Praza do Convento

Miño: 12.30h. Rotanda da Rúa Raxel.

Moaña: 12h. Praza do Concello

Monforte: 20:30h. Praza España

Nigrán: 11.50h. Encontro para ir á Ramallosa.

Noia: 20h na Praza do Concello

O Barco de Valdeorras: 20h. Escoita as mulleres de Valdeorras na Praza do Concello

Ortigueira: 12h. Diante do Concello.

Ourense: 13h. Concentración e xantar Praza Maior. 20h. manifestación desde a Subdelegación do Goberno.

Padrón: 20h na estatua de Rosalía

Poio: 15h. Xantar colectivo no Fogar Armadiña. 17h Plantación de plantas lilás no fogar.  Asistencia á concentración da mañá e á manifestación da tarde en Pontevedra

Ponteareas: 12h. Praza Bugallal.

Pontevedra: Concentración 13h. na Praza da Ferraría. Manifestación 20h. Praza do Hospital.

Redondela: 12h. e 19h. Praza da Constitución

Rianxo: 20h. Praza Castelao.

Ribadeo: 12h. Praza 8 de Marzo. 18.15h. saída do aparcadoiro de San Lázaro para manifestación en Burela ás 20h.

San Cibrao: 19.30h. Porto, saída cara a Burela para acudir á manifestación das 20h.

Trabada: 18h na Praza do Concello.

Valadouro: 10:30h. Tendal de mandís

Viana do Bolo: 12H. Praza Maior

Vicedo: 18h. Porto. Saída para Burela.

Vilamartín de Valdeorras: 11:30h Praza do Concello

Vigo: 20h. Praza España.

Vimianzo: 20:30h Praza do Concello.

Vilagarcía: 20.00h. Praza de Galiza.

Vilalba: 12.30h. (Praza Circular) e 20.30h. (Praza Constitución)

Viveiro: 12h. Praza Maior. 18.30 horas, saída para Burela.

Xove: Xuntanza de mulleres, 17h. local das Bolboretas. Xantar colectivo e faladoiro feminista.