O Parlamento empraza a Xunta a unificar os criterios sobre a Covid

Unha mostra dunha PCR. (Foto: Nós Diario)
Os grupos con representación na cámara galega demandan protocolos para contactos de positivos.

A comisión de sanidade do Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do grupo parlamentario socialista onde instou a Xunta da Galiza a “iniciar unha campaña informativa clara, directa e áxil para permitir clarexar á poboación a información sobre os protocolos a seguir nos casos de positivos e contactos con positivos e para facilitar a comprensión do que se debe facer en cada unha das situacións habituais”.

A iniciativa defendida polo deputado do PSdeG-PSOE Julio Torrado solicita, tamén, “unificar os criterios de acción e decisión das áreas sanitarias, para axudar a difundir as necesidades no comportamento poboacional ante positivos e contactos con positivos, de cara a que a cidadanía teña claridade sobre o que facer en cada situación”.

O parlamentario socialista sinalou na defensa da súa proposta que “as incertezas e o exceso incontrolado de información redundante e contraditoria que moitas veces circula sobre a pandemia está contribuíndo pouco a actuar conforme as recomendacións sanitarias estritas”.

Torrado considerou que “a esta confusión contribúen notoriamente as decisións distintas en cada área sanitaria sobre a realización de PCR”, a “ausencia de claridade sobre o número de rastrexadores existentes na Galiza” e “a falta de claridade do Goberno galego sobre as decisións ao redor deste perfil despois das contradicións 
entre Presidencia e Consellería de Sanidade”.

A deputada popular Marta Rodríguez apoiou esta iniciativa sinalando que “quizais hai moitísima información”, a pesar de que a Consellaría de Sanidade segue sen ofrecer os datos abertos a respecto dos casos activos por concellos.

A parlamentaria afirmou que “os protocolos son dinámicos en función da experiencia”, xustificou os “cambios” e actualizacións” polas novas evidencias e referiuse ás instrucións remitidas aos médicos de Atención Primaria no sentido de non solicitar probas de PCR de contactos estreitos “para evitar duplicidades con respecto ao centro de seguimento”. Rodríguez explicou que esta decisión, adoptada por un comité clínico “con nomes e apelidos”, respondeu a non restar tempo de atención ao persoal sanitario.

A portavoz do BNG en materia sanitaria, Montse Prado, coincidiu cos socialistas en que “é preciso coñecer os criterios” para favorecer o rastrexo dos contaxios e amosouse moi preocupada pola “improvisación” do Goberno galego e polos seus “comportamentos erráticos”.