César Rendueles, filósofo e sociólogo

"Parece que apelando á idea do común se resolve o egoísmo universal"

[Imaxe: Cedida]

O filósofo e sociólogo César Rendueles (Gerona, 1975) visitou Pontevedra con motivo da XXXV Semana da Filosofía, organizada pola Aula Castelao. Na súa palestra, o profesor da Universidade Complutense abordou os retos e dilemas que apresenta a construción do común nos nosos días. A súa obra ensaística sobre materialismo histórico e acción política acadou grande sona polo seu cuestionamento do papel das tecnoloxías da comunicación na nosa sociedade. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 291.

No relatorio xurdiron diversos temas arredor dese concepto do “común”. Que puntos foron chave na túa exposición?

 

Intentei explicar por que os conceptos relacionados cos comúns nos últimos anos están tan popularizados. Nos últimos cinco anos, os movementos sociais e a esquerda política teñen en grande auxe dous ou tres conceptos concretos. Un é democracia, outro é coidados e outros son os bens comúns. Problematicei un pouco o asunto de por que de súpeto incorporamos este tipo de termos e teorías á nosa caixa de ferramentas conceptual, que procuramos nestas ideas e que limitacións apresenta. Politicamente, é moi suxestivo e está por todos lados no noso universo conceptual: desde candidaturas municipalistas até na publicidade dos bancos.

 

En ocasións detectamos no argumentario académico unha tendencia a constatar a catástrofe en vez de abordar estratexias e dinámicas para contrarrestala.

 

Si, efectivamente. Temos certa tendencia a encontrar conceptos comodín. Un deles é a renda básica, por exemplo, que parece que é a solución para basicamente todo cando na realidade é unha proposta moi interesante, mais que tamén ten as súas contradicións e limitacións. Logo está a idea do común. Parece que apelando a esta se resolve o egoísmo universal. A min interésame cada vez máis cales son os procesos concretos de institucionalización desas propostas, e menos a súa dimensión máis abstracta ou ideolóxica. Para facer proxectos políticos emancipadores potentes e realmente ambiciosos precisamos ir alén dunha simple declaración de intencións. Desde cooperativas moi amplas alleas ao Estado, procesos de participación no ámbito do público… ou mesmo procesos mercantilizábeis. A enerxía cooperativa, a vontade cooperativa e colaboración social ás veces é moi aproveitábel polo mercado, como por exemplo en Airbnb ou Uber. Son empresas da nova economía que se lucran a base de expropiar e explotar esas enerxías colaborativas.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 291, á venda na loxa e nos quiosques]