Paralizado de medio corpo un paciente tras padecer 155 días de demoras no CHUS

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Un paciente do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) perdeu a mobilidade das extremidades inferiores ao demorarse 155 unha intervención por cancro de próstata. Eis a denuncia que realiza a  Asociación de Pacientes e Usuarios deste hospital unha vez coñecido o caso a través da testemuña da persoa afectada.

A través das redes sociais, a  Asociación de Pacientes e Usuarios do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) explican o relato do “tortuoso camiño para acadar un diagnóstico completo da súa doenza e o inicio dun tratamento”.

Segundo lles trasladou un paciente, en decembro de 2021, a raíz dun recoñecemento médico, detectóuselle unha anomalía e solicitou unha consulta no centro de saúde o 24 de decembro. O médico de familia solicitou unha interconsulta en uroloxía que se fixa os días 7 de xaneiro e 8 de febreiro de 2022.

“O 18 de febreiro de 2022 realízaseme unha biopsia. Despois de case un mes, o 10 de marzo de 2022, teño unha cita coa doutora de uroloxía para ver o resultado da proba, do que se conclúe que teño un cancro de próstata con invasión perineural, o que implica que existe probabilidade de invasión fóra da próstata”, relata o paciente.

Nesa mesma cita solicítaselle un TAC e unha gammografía ósea con prioridade preferente, que tardan máis de 3 semanas en realízalle, os días  30 e 31 de marzo, respectivamente.

“Sorprendentemente, no informe de enfermería do día 24 de abril reflíctese que a proba é de prioridade ordinaria. Transcorre máis dun mes e fixan para o 9 de maio a cita para analizar os resultados e márcase unha nova cita para realizar unha resonancia o 24 de maio”, continúa explicando o afectado.

Reclamacións pola demora

Dada a urxencia e gravidade da situación, presentan unha reclamación solicitando que se adianten, conseguindo que se fixen para os días 3 e 12 de maio.

“O día 3 de maio, dos resultados das probas (TAC e gammografía), infórmanme que no estudo gammográfico, do 31 de marzo, detectan hipercaptación patolóxica de elevada intensidade na columna vertebral (D7) e de baixa intensidade noutras vértebras. Atribúenlla a una fractura sufrida no 2017”, apunta o afectado.

Con todo, “o TAC, do 30 de marzo, revela a existencia de inflamacións múltiples dos ganglios na zona de infección, con adenopatias patolóxicas ilíacas externas bilaterais. Na cita do 12 de maio, en uroloxía, solicítase a resonancia, que se fixa para o 15 de xuño. Novamente, reclamamos e a proba realízase o 6 de xuño, case un mes despois”, asegura este paciente.

Agardando pola resonancia, o 29 de maio acude a urxencias cunha intensa dor dorsal, “pero non lle prestan maior atención e mándanme para a casa con calmantes”, explica. Unha vez feita a resonancia e sen coñecer aínda o resultado, o 8 de xuño volve a regresar a urxencias coa mesma dor no torso, intensificada por un moi leve accidente de coche.

“Realízanme probas, danme novamente calmantes e volven darme a alta. Ese mesmo día, horas máis tarde, regreso de novo a urxencias pola mesma dor, pero agora totalmente insoportable. Quedo ingresado e son operado de urxencia en neurocirurxía o día seguinte, o 9 de xuño”, asegura o paciente.

Parálise da metade do corpo

Na actualidade explica que “despois de soportar demoras acumuladas inxustificables de 155 días e de pelexar contra os obstáculos burocráticos, é que padezo un cancro de próstata de grao 4 cuxa extensión ás vértebras me produciu unha parálise da cintura para abaixo”.

Segundo lles traslada á asociación “sigo ingresado no CHUS con prognóstico grave. Entre a primeira consulta, o 24 de decembro de 2021, e o 8 de xuño de 2022, data na que ingreso finalmente no hospital, producíronse demoras nas citas de interconsulta, vista de resultados e na realización de probas diagnósticas que deron lugar a unha detección tardía da miña patoloxía, con  secuelas e consecuencias irreparables”.

Denuncia que “non se lle prestou a suficiente atención aos danos nas vértebras que mostraban os resultados do TAC do día 30 de marzo e da gammografía do día 31. Se se lle prestase máis atención e se actuase antes e mellor, seguramente hoxe non estaría en tan grave situación."

Para a entidade de defensa de pacientes “o testemuño constitúe un tráxico botón de mostra do que está acontecendo todos os días no noso degradado sistema público de saúde”.

Denuncian que “incontábeis pacientes como el sofren en silencio e resignadamente os procesos de atención supeditados a criterios burocráticos, obstáculos administrativos e carencia de medios que, inexorabelmente, rematan en diagnósticos tardíos, secuelas irreparábies ou desenlaces fatais”.

Non se cumpre a normativa de saúde

Seguindo o seu proceso contabilizan que “tardaron 56 días en realizar unha biopsia para diagnosticar o cancro e 20 días máis en ter a cita de resultados. Demoraron 21 días en realizar un TAC e unha gammografía e 33 días máis en ter a cita de resultados. A resonancia magnética realizouse 25 días despois de solicitala e a pesar de estar xa diagnosticado o cancro”.

Con esta situación, para esta entidade, “incúmprese a Lei  16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde” como consecuencia de que “se recorta persoal nos servizos de radioloxía, cando non se cobren as vacantes temporais nos servizos especializados, ou se demoran as interconsultas solicitadas por atención primaria” que causan “un dano con consecuencias irreparábeis no paciente e un maior custo de atención para o conxunto do sistema”.