Paradela organízase contra a afección dos parques eólicos

Os dous parques eólicos que afectan a Paradela suman 27 aeroxeradores. (Europa Press)
Co exemplo do Iribio, onde a loita cívica logrou bloquear hai poucos meses o avance do parque eólico, veciñanza de Paradela vén de organizarse nunha plataforma que continuará o traballo dos últimos anos contra os dous parques da zona, para minimizar os seus efectos sobre a poboación e o patrimonio. 

A casa rural do Foilebar, en Paradela, acollerá mañá (16.30 horas) a reunión de constitución da plataforma Salvemos Paradela, coa que a veciñanza quere facer valer os seus dereitos, amenazados polos dous parques eólicos da zona, que funcionan hoxe en probas.

Así o explica Lucía Álvarez, membro de Adega, asociación que colabora cun movemento cívico que leva anos batallando contra a implantación eólica na zona. "A loita vén de moi atrás, e aínda que non foi capaz de parar o parque si serviu para reducir o número de aeroxeradores", exemplifica, en alusión ao procedemento xudicial que parou tres dos muíños e obrigou a manter os 500 metros de distancia dos restantes coas casas. 

Xan Valcárcel, un dos impulsores da plataforma, leva 15 anos litigando contra os parques impulsados por Enel Green Power España, a filial de renovábeis de Endesa, que supuxeron a instalación de 27 aeroxeradores nunha zona "moi boa para a gandaría, afectada polo Camiño de Santiago e dentro da Ribeira Sacra". "Cometeuse unha inxustiza moi grande en Paradela", censura Valcárcel, quen calcula que as instalacións eólicas afectan unhas mil veciñas e veciños de varias parroquias, a metade da poboación do concello.

Algún dos procedementos xudiciais segue hoxe aberto no Tribunal Supremo, que terá que decidir sobre as distancias da liña de alta tensión que atravesa o municipio soterrada e que nalgún caso pasa "a 20 metros das casas". "Na Galiza sufrimos os efectos nocivos da electricidade estática, porque a liña chega até a subestación de Chantada, pero a electricidade vai para Francia", censura.

Non son os únicos prexuízos dos muíños. O activista cita o ruído "insoportábel" e os efectos "claros" sobre a paisaxe e tamén sobre o patrimonio natural. Segundo denuncia, un dos aeroxeradores levantouse dentro da zona de especial protección do Camiño de Santiago e outros dous están a "escasos metros" do río Miño. Un máis conseguiu instalarse a 200 metros dunha vivenda, aproveitando a súa situación urbanística, denuncia.

Desde Adega, Lucía Álvarez avanza que o papel da asociación ecoloxista está sendo o de "axudar a configurar a plataforma e no deseño das accións que se levarán a cabo", tomando como exemplo a experiencia do Iribio, onde a loita cívica logrou, polo momento, paralizar o parque eólico. En Paradela, os obxectivos pasan, para ela, por minimizar as consecuencias das instalacións eólicas na poboación e no patrimonio da comarca. 

En Marea, contra o parque de Sasdónigas

Precisamente onte, o voceiro de En Marea, Luís Villares, compareceu no Parlamento para dar voz ás persoas afectadas por outro parque eólico, o de Sasdónigas, en Mondoñedo. O colectivo denuncia os "danos irreparábeis" derivados das irregularidades destas instalacións, que se concretan en prexuízos ao patrimonio –a un asentamento romano e na afectación ao Camiño de Santiago–, ambientais e sociais,  polo que denominan como " un verdadeiro asoballamento ás propietarias á hora de pagar polas terras". 

"Temos un parque eólico que arruina a veciñanza e tamén temos a Xunta, que mantén unha política de man dura coas xentes que queren conservar o seu patrimonio, pero que é moi laxa e tolerante con Norvento", recalcou na comparecencia o coordinador de En Marea en Modoñedo, Manuel Xermade.