A pandemia non dá tregua: rexístranse unha media de 66 contaxios cada hora

Persoal sanitario atende na UCI un paciente de Covid-19 (Europa Press).

Máis de 21.000 casos activos e o número de ingresos hospitalarios aumenta en 70 persoas nunha soa xornada.

Suma e segue. A pandemia na Galiza continúa a engadir datos negativos, que teñen a súa orixe na flexibilización de medidas e da mobilidade para as datas de Nadal. Aumentan os casos activos, a incidencia acumulada sobe e a presión hospitalaria non para polo de agora de medrar.

Segundo os datos da Consellaría de Sanidade, na última xornada rexistráronse 1.586  positivos, dos cales 1.297 foron a través de PCR. Son 66 contaxios detectados cada hora.

Segundo os datos da Consellaría de Sanidade hai hospitalizadas por coronavirus 1.271 persoas. Son 70 pacientes máis ca onte, e 117 máis que esta segunda feira, xornada na que se superara o anterior ‘pico, na primeira vaga da Covid, vivida durante a primavera, na que chegou a haber 1.124 hospitalizados.

Deses pacientes, 1093 están en planta e 178 nas unidades de coidados intensivos. A ocupación de camas da UCI xa está por riba de 60%.

Os hospitalizados aumentan nas sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña e Cee á cabeza, con 305 ingresados con Covid en unidades convencionais -23 máis- e 48 en UCI -un máis-; mentres que na de Vigo hai 23 en UCI -sen cambios- e 178 noutras -19 máis-; na de Ourense 14 en UCI -dous máis- e 172 noutras unidades -oito máis-.

Tamén soben na de Santiago e Barbanza a 36 os pacientes con coronavirus en UCI -dous máis- e a 126 os ingresados noutras unidades -dous máis-; na de Pontevedra en críticos hai 16 -un máis- e noutras unidades soben a 118 -cinco máis-; mentres que na de Lugo as persoas en UCI mantéñense en 15 e noutras unidades, en 58 -unha máis-; e no distrito sanitario de Ferrol soben a 26 os ingresados en UCI -dúas máis- e a 136 os hospitalizados noutras unidades -catro máis-.

Ao tempo, a taxa de positividade volve abeirar o 13% cando o limiar para o control da pandemia de coronavirus está para a OMS en 5%.

A incidencia acumulada a 14 días está en 736 casos por cada 100.000 habitantes. Lembremos que Bruxelas aposta en ‘illar’ aquelas zonas que superen os 500 casos por cada 100.000 habitantes. En ciudades como Ourense (911 casos) e A Coruña (893), esa incidencia é moi superior á media galega.

Hai 1.659 persoas falecvidas. Nos últimos sete días perderon a vida na galiza pola Covid 109 persoas.