A UE recomenda ‘illar’ as zonas con máis de 500 contaxios por 100.000 habitantes: Galiza supera esa cifra

Na Galiza, a incidencia acumulada (IA) a 14 días é de 695 casos.
Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

A Unión Europea recomendou hoxe, 25 de xaneiro, illar todas as zonas con máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes. A Comisión Europea aposta asó por un endurecemento das restricións á mobilidade para illar de forma contundente aquelas zonas que superen ese limiar. Na Galiza, a incidencia acumulada (IA) a 14 días é de 695, moi superior a ese limiar do que fala a UE e moi por riba deses 250 casos que se consideran entrar nun nivel de grave risco da pandemia.

O texto da Comisión apunta que  “os Estados membros deberán disuadir con forza as viaxes non esenciais desde e cara ás áreas clasificadas como vermello escuro”. Só contempla excepcións para o paso do transporte de mercadorías.

Por cidades, só Lugo, Pontevedra e Vigo fican por baixo deses 500 casos por cada 100.000 habitantes. En canto a áreas sanitarias, todas superan ese limiar. 

Galiza rexistra esta segunda feira, 25 de xaneiro, a maior cifra de persoas hospitalizadas como consecuencia do coronavirus: 1.154. O anterior ‘pico, na primeira vaga da Covid, vivida durante a primavera, chegou a haber 1.124 hospitalizados, se ben daquela o número de ingresados en coidados intensivos era maior (178 pacientes) que agora (161).

Comentarios