A pandemia pon o foco na realidade do 'senfogarismo' na Galiza

Concentración do colectivo 'Os Ninguéns' de Vigo en lembranza dun veciño finado a comezos de xaneiro (Foto: Cedida).
Na Galiza máis dun milleiro de persoas son vítimas do 'senfogarismo', unha problemática que inclúe tanto as que dormen na rúa ou en centros de acollida como as que carecen dunha vivenda estábel ou coas condicións axeitadas de habitabilidade. Segundo un estudo, antes da crise da Covid-19, unha de cada cinco galegas xa padecía pobreza.

O estudo da situación das persoas sen fogar na Galiza elaborado por Cruz Vermella en 2017 (o máis recente até o de agora) localizou nas sete cidades galegas 340 persoas en situación de 'senfogarismo' (129 delas durmindo na rúa e as restantes acollidas en diferentes centros, sen contabilizar as persoas residentes en vivendas inestábeis ou inhabitábeis). A maior concentración (39%) deuse en Vigo, cidade na que a comezos de 2021 faleceu un home sen fogar.

Segundo este documento, unha de cada dúas persoas atópase na rúa por mor do desemprego, e unha porcentaxe moi elevada, 21%, por unha ruptura afectiva. "Son vítimas de momentos vitais moi duros. Lembro un home, que tiña un nivel económico medio e un traballo estábel, que perdeu a muller e a filla e sentiu que xa nada pagaba a pena", relata a Nós Diario Eva González, responsábel dos Servizos Sociais de Compostela.

Situación agravada pola pandemia

Segundo un estudo recente de Oxfam Intermón, un de cada cinco galegos padece pobreza relativa, e a crise sanitaria tería sumado 60.000 persoas a esta listaxe durante os últimos meses. "A pandemia puxo en evidencia unha realidade que xa estaba aí", afirma Pablo Sánchez, do Colexio de Traballadoras Sociais da Galiza, en declaracións a este xornal.

Sánchez traballa na Cociña Económica da Coruña e asegura que nunca tivera "tanto traballo" como durante os primeiros meses da pandemia. "Moitas persoas que padecían a precariedade laboral ou traballaban na economía somerxida quedaron sen ingresos e perderon a vivenda", argumenta.

O mesmo aconteceu en Compostela, onde un de cada catro cidadáns acudiu a este departamento para demandar diferentes programas ou prestacións: "Nunca tivéramos estas cifras, é o dobre que o que recibiamos cada ano", expón González. Co decreto do estado de alarma e o consecuente confinamento en marzo, os concellos galegos habilitaron pavillóns e outros espazos para aumentar a capacidade de acollida das persoas sen fogar.

"Se podemos atopar un aspecto positivo dentro da pandemia, foi a visibilización que houbo deste colectivo, porque tiñamos que fecharnos na casa e moita xente decatouse de que algunhas persoas non tiñan unha fogar onde recollerse", explica Sánchez, quen lamenta que, unha vez rematado o primeiro estado de alarma, "volveuse á realidade e as persoas que estaban alí acollidas temporalmente seguiron buscando de novo o seu camiño".

Desde aquela, os Servizos Sociais seguen a facer intervencións na rúa para coñecer as necesidades destas persoas, axudalas a obter un traballo, regular a súa situación legal ou ofrecerlles aloxamento en vivendas compartidas ou, de modo temporal, en albergues.

Reconducir os recursos

Gran parte das persoas sen fogar sobrevive grazas aos recursos que achegan os albergues, comedores sociais e outros centros que, na súa maioría, xestionan entidades sociais privadas como as ONG (52 centros fronte aos oito de titularidade pública). Con todo, moitas persoas seguen a durmir na rúa. Por que?

"Dáme mágoa que a xente critique as traballadoras sociais, porque non saben o difícil que é gañar a confianza destas persoas. Eu son unha descoñecida e ao principio cústalles aceptar a nosa axuda, mais se alguén quere un cuarto nun piso sempre a tramitamos", salienta Eva González.

Pablo Sánchez considera que o mellor investimento que poden facer as institucións en materia de políticas sociais é o programa 'Housing First', unha iniciativa pioneira en países como Holanda que consiste en priorizar que todo cidadán teña unha vivenda propia: "Está demostrado que, a longo prazo, o custo para o Estado é moito menor, xa que hai que sumar o gasto desa persoa en sanidade, prestacións... Ademais, cunha vivenda esas persoas conseguen reconducir as súas vidas e atopar un traballo", argumenta.