As persoas na pobreza tardarán unha década en volver ás condicións previas

O coronavirus afondou na desigualdade ao tempo que os multimillonarios floreceron

"O coronavirus cobrou a vida de case dous millóns de persoas en todo o mundo, mais a fonda división entre ricos e pobres resultou ser tan mortal como o virus", apuntan desde a organización humanitaria Oxfam, que esta semana presentou no Foro Económico Mundial –o Foro de Davos– o informe "O virus da desigualdade".
A pandemia da Covid afondou nas desigualdades económicas xa existentes no mundo, golpeando con máis forza aos que menos teñen. (Foto: Oxfam)
photo_camera A pandemia da Covid afondou nas desigualdades económicas xa existentes no mundo, golpeando con máis forza aos que menos teñen. (Foto: Oxfam)

As persoas máis pobres do mundo poderían tardar até unha década en retornar ás condicións económicas previas á pandemia. Pola contra, as mil persoas máis ricas lograron recuperar as perdas provocadas pola Covid-19 en só nove meses. Así se desprende do informe presentado pola organización de axuda humanitaria Oxfam no Foro Económico Mundial, que se desenvolve esta semana de forma virtual. 

"A crise do coronavirus danou as persoas que viven na pobreza moito máis duramente que as ricas. Alimentou e fixo medrar as desigualdades existentes de riqueza, de sexo e de raza, avivando a pobreza e a inxustiza", afirman desde a ONG. "Mentres que moitos dos máis ricos ─individuos e corporacións─ están a prosperar, centos de millóns foron empuxados á miseria", din , e sentencian: "O coronavirus cobrouse a vida de case dous millóns de persoas en todo o mundo, mais a fonda división entre ricos e pobres resultou ser tan mortal como o virus".

Segundo unha enquisa global entre 295 economistas de 79 países e incluída no informe, que leva por título "O virus da desigualdade", 87% dos consultados agardan un "incremento" ou un "grande incremento" da desigualdade nos seus países como consecuencia da pandemia. Entre estes están o estadounidense Jeffrey Sachs, a india Jayati Ghosh ou o francés Gabriel Zucman. 

Pagar todas as vacinas

Para os responsábeis de Oxfam, os datos mostran como "o sistema económico está corrompido". E exemplifícano cun dato contundente: a suma das ganancias das dez persoas máis ricas do mundo desde que comezou a pandemia ─medio billón de dólares─ sería máis que abondo para pagar as vacinas da Covid a todos os habitantes do planeta. 

Ao mesmo tempo, a crise laboral é a maior en 90 anos. Neste aspecto, as mulleres son as peor paradas, dado que ocupan maioritariamente as profesións máis precarias e peor pagadas, apunta o informe. Ademais, son as que máis expostas están ao virus: a nivel global, 70% dos profesionais dos sistema sanitario e de atención son mulleres.
Tamén as minorías están a ser golpeadas con maior forza pola pandemia. No Brasil, as persoas afrodescendentes teñen 40% máis de posibilidades de falecer por causa da Covid que os brancos. Unha situación similar acontece nos EUA entre a poboación negra e hispana. Non é cuestión de raza, senón da desigualdade xa existente. Tamén a incidencia do coronavirus en Francia, España e especialmente en Inglaterra é maior nas áreas máis pobres.

Imposto temporal

Neste sentido, a ONG propuxo en Davos o estabelecemento dun imposto temporal aos beneficios extraordinarios feitos polas 32 multinacionais que máis gañaron durante a pandemia. Esta taxa, calculan, tería recadado un total de 104.000 millóns de dólares en 2020. "Suficiente para proporcionar axudas ao desemprego para todos os traballadores e apoio financeiro a todos os nenos e anciáns nos países con ingresos baixos ou medios", asegura Oxfam.

A súa directora executiva, Gabriela Bucher, afirmou: "A desigualdade extrema non é inevitábel, mais unha opción política. Os Gobernos de arredor do mundo deben aproveitar esta oportunidade para construír economías máis igualitarias, máis inclusivas, que acaben coa pobreza e protexan o planeta".

Comentarios