A 'pandemia' da contaminación causa o dobre de mortes que a Covid

A fábrica de ENCE en Pontevedra eleva o nivel de contaminación da cidade malia a baixada do tráfico (Foto: Estevoaei).
"Mentres a emerxencia climática e a Covid-19 acaparan os titulares, a devastación que a contaminación causa na saúde, os dereitos humanos e a integridade dos ecosistemas segue sen suscitar apenas atención", advirte un estudo da ONU.

Un informe da ONU vén de revelar que a contaminación resulta ser máis devastadora que a Covid-19, ao causar nove millóns de mortes ao ano, o que supón o dobre de falecementos que os rexistrados polo virus SARS-CoV-2, e advirte que a toxificación da Terra está a intensificarse. "O envelenamento continúa", di.

Así o asegura o relator especial sobre a cuestión das obrigas de Dereitos Humanos relacionadas co goce dun medio ambiente sen riscos, limpo, saudábel e sostíbel, David Boyd, quen alerta que a contaminación atmosférica é o "maior contribuínte ambiental ás mortes prematuras", ao causar uns sete millóns delas cada ano. Ademais, sinala que unha de cada seis mortes no mundo está vencellada con enfermidades causadas pola contaminación, unha cifra que triplica a suma das mortes por sida, malaria e tuberculose e multiplica por 15 as ocasionadas polas guerras, os asasinatos e outras formas de violencia.

"Mentres a emerxencia climática, a crise mundial da biodiversidade e a Covid-19 acaparan os titulares, a devastación que a contaminación e as substancias perigosas causan na saúde, os dereitos humanos e a integridade dos ecosistemas segue sen suscitar apenas atención. Con todo, a contaminación e as substancias tóxicas causan cando menos nove millóns de mortes prematuras, o dobre do número de mortes causadas pola pandemia nos seus primeiros 18 meses", afirma.

O documento insiste en que a exposición a substancias tóxicas aumenta o risco de morte prematura, intoxicación aguda, cancro, enfermidades cardíacas, accidentes cerebrovasculares, enfermidades respiratorias, efectos adversos nos sistemas inmunolóxico, endocrino e reprodutivo, anomalías conxénitas e secuelas no desenvolvemento neurolóxico de por vida.

De feito, Boyd destaca que unha cuarta parte da carga mundial de morbilidade está atribuída a factores de risco ambientais evitábeis, a inmensa maioría dos cales implica a exposición á contaminación e ás substancias tóxicas. O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (Pnuma) recolle que cada ano se emiten ou verten centos de millóns de toneladas de substancias tóxicas ao ar, a auga e o chan.

A produción de substancias químicas duplicouse entre 2000 e 2017, e espérase que se duplique de novo para 2030 e triplique para 2050, producíndose a maior parte do crecemento nos países non membros da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos (OCDE).

"O mundo está a pasar apuros para facer fronte ás ameazas químicas de antes e de agora. Por exemplo, o chumbo séguese utilizando de forma xeneralizada a pesar de que se coñece desde hai tempo a súa toxicidade e as súas devastadoras consecuencias para o desenvolvemento neurolóxico na infancia", lamentou Boyd.

Entre os motivos de preocupación recentes figuran as substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas, os alteradores endocrinos, os microplásticos, os praguicidas neonicotinoides, os hidrocarburos aromáticos policíclicos, os residuos farmacéuticos e as nanopartículas.