O Comité Clínico baixa Compostela e Ourense ao nivel medio

A Galiza consolida o descenso da incidencia e o alivio das restricións podería chegar "cedo"

Mapa coas restricións que se aplicarán a cada concello na Galiza a partir das 00.00 horas do sábado (Infografía: Nós Diario).
Máis de dous millóns de galegos e galegas recibiron xa, cando menos, a primeira dose da vacina, nun momento no que a variante Delta consolida a súa predominancia e os contaxios da Covid-19, malia remitiren, seguen aínda en cifras elevadas.

Prudencia para poder seguir avanzando na desescalada. Iso foi o que pediu nesta terza feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Comité Clínico, na que tamén instou a poboación a non "relaxar" medidas coma o distanciamento social, o uso da máscara nas situacións en que for preciso e, sobre todo, respectar nos encontros sociais o número máximo permitido de persoas non convivintes —seis en interiores e dez en exteriores—.

"A meirande parte dos surtos xorden nas festas particulares en vivendas, que están prohibidas porque supoñen un perigo", dixo.

De feito, García Comesaña advertiu que, malia a "evolución positiva" da situación epidemiolóxica no país nas últimas datas, aínda quedan por diante "semanas de esforzo" para consolidar o descenso e permitir que o alivio das restricións se vaia producindo "máis cedo que tarde".

Segundo o último informe da Consellaría, con datos recadados até as 18 horas da segunda feira, os casos activos da Covid-19 caen por quinto día consecutivo até os 16.471 (353 menos que na xornada anterior), un descenso que se produce nas sete áreas sanitarias, ao tempo que os novos positivos tamén se reducen a 781 (-30) no conxunto do país; porén, a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) segue por riba de 10%, duplicando o limiar recomendado de 5% para controlar a transmisibilidade.

A incidencia acumulada tamén diminúe, tanto a 7 días (244 casos por cada 100.000 habitantes) como a 14 (558). Cómpre salientar, aliás, que a variante Delta do coronavirus consolida a súa predominancia, con 82% dos casos, mentres a Alfa decrece até 15%.

A nota negativa é o leve incremento das hospitalizacións: malia baixar nas UCI a 54 (-1), soben a 291 as persoas internadas en unidades convencionais (+5). Neste senso, o conselleiro salientou que a idade media das e dos pacientes que fican en estado crítico é de 65 anos, mais algúns roldan a vintena.

Aliás, desde o inicio da pandemia faleceron na Galiza 2.494 galegos e galegas (+1).

No que atinxe ás residencias de maiores, as infeccións activas repuntan a 58 (+7), mentres nos centros de atención á diversidade seguen 31 usuarias e usuarios contaxiados.

Cambios de nivel

Con estes datos sobre a mesa, o Comité Clínico acordou situar unicamente O Grove no máximo nivel de restricións. No chanzo alto fican 55 municipios, entre os que se atopan cinco das sete cidades: A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol.

Compostela e Ourense, pola súa banda, baixan ao nivel mdio con outros 67 concellos, e no medio-baixo seguen os 188 restantes.

Estas mudanzas serán efectivas ás 00.00 horas deste sábado, previa publicación das medidas no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Dous millóns de persoas vacinadas cunha dose

Noutra orde, na Galiza 2.009.066 persoas recibiron até o momento (81,8% da poboación susceptíbel de se inmunizar), cando menos, unha dose da vacina contra a Covid-19. Delas, 1.805.853 contan xa coa pauta completa (73,6%).

A respecto da campaña de vacinación, García Comesaña volveu afirmar que a Xunta está a ser "atacada" polo Goberno estatal, ao non recibir os 3,4 millóns de vacinas "comprometidos no cumio de presidentes de Salamanca".

Sexa como for, anunciou que a conxelación das "autocitas" non afectará á repesca das persoas pendentes de recibir o fármaco, que serán citadas con normalidade.