O país roza o 85% de vacinación

Un grupo de menores agardan a ser vacinados da primeira dose da vacina Moderna na Cidade da Cultura, en Compostela o 23 de agosto (Foto: César Arxina)

Este sábado botan o feche dous centros de inoculación contra a Covid-19 máis.

Máis de 2.267.770 persoas en Galiza contan coa pauta completa contra a Covid-19, tras finalizar o proceso outras 7.270, polo que 92% da poboación diana ─maiores de 12 anos─ está inmunizada. Isto é, 83,99% dos habitantes do país.

Segundo os datos actualizados na mañá deste sábado pola Consellaría de Sanidade no 'Cronómetro de vacinación', administráronse 4.385.844 doses da vacina contra a Covid-19 en Galiza, 7.924 máis que as rexistradas até o día anterior, que representan 99,9% das 4.389.629 recibidas até a data.

Por grupos de poboación por vulnerabilidade, hai 17.067 cidadáns de alto risco coa pauta completa; 17.599 dependentes non institucionalizados; e 26.967 persoas institucionalizadas. Mentres, 2.061.718 fóronse vacinando por idade.

Por probabilidade de exposición, teñen pauta completa 72.726 profesionais do ámbito sanitario e 27.188 do sociosanitario, ademais de 44.072 traballadores de actividades consideradas esenciais.

Centros de vacinación masiva

As áreas sanitarias continúan coa administración de segundas doses pendentes, así como coa inoculación sen cita ou mediante autocita nos puntos habilitados para tal fin.

Os centros de vacinación masiva da área de Pontevedra e O Salnés terminarán a labor este sábado. En concreto, no recinto feiral da cidade do Lérez estaba previsto a administración de doses de 9 a 14 horas, e fechará media hora despois, indicaron fontes sanitarias.

Así mesmo, a área sanitaria da Coruña e Cee ten previsto pór as últimas doses contra a Covid-19 no seu recinto de vacinación masiva este sábado. Programou 1.275 primeiras e segundas doses, ás que se sumarán persoas que poden acudir sen cita.

Desta forma, este sábado terminarán o seu traballo os centros de vacinación masiva en Galiza despois de que na quinta feira fechase o situado na Cidade da Cultura da capital do país. Previamente, o de Expourense xa realizara a derradeira xornada de inoculacións o 25 de setembro, e antes xa fora clausurado o situado no Ifevi de Vigo.