Continúa a baixada dos casos activos de Covid-19 na Galiza

Varias persoas na terraza dun bar na Coruña, o pasado 18 de setembro (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A taxa de positividade redúcese a 1,7%, cunha cifra total de 847, a niveis de agosto de 2020.

Galiza continúa co descenso dos casos activos de Covid-19, que se sitúan en 847, mentres que os contaxios detectados nun só día seguen por baixo do medio cento. A presión hospitalaria mantense case igual: nas últimas horas rexistráronse dous ingresos, que suman un total de 50 en todo o país (son agora 38 en planta ademais das 12 persoas que xa estaban en unidades de coidados intensivos).

Por áreas sanitarias, na da Coruña-Cee hai 20 persoas ingresadas, 16 en planta e catro en UCI; na de Vigo, 5 (4 en planta e 1 en UCI); e na de Lugo-A Mariña-Monforte, 6 (4 e 2). Na de Ourense-Verín-O Barco, 5 (4 e 1). Na de Pontevedra-O Salnés, 4 (2 e 2). Na de Santiago-Barbanza, 10 (8 e 2). Na de Ferrol continúa sen ningún ingreso hospitalario por Covid.

En canto aos casos activos da enfermidade, Galiza baixou do milleiro nos datos desta sexta feira, a niveis de agosto de 2020, e este sábado xa contabiliza menos de 900. En concreto, hai 847, que supoñen 83 menos que o día anterior ao producirse máis altas que novos diagnósticos.

As infeccións activas replican este descenso en todas as áreas sanitarias excepto na de Ferrol, sube un so caso até os 24. Descende na área da Coruña, a 196 (-13); na de Vigo, a 167 (-31); na de Lugo, a 145 (-24); na de Ourense, a 144 (-6); na de Santiago, a 106 (-6); e na de Pontevedra, a 65 (-4).

Menos de medio cento de contaxios

Ademais, este sábado notificáronse só 46 contaxios da Covid en todo o país (40 na véspera). O dato máis baixo foi na quinta feira, con 22 positivos. Desde o inicio da pandemia ascenden a 182.318, dos que 43.067 corresponden ao área da Coruña; 37.624, á de Vigo; 26.946, á de Santiago; 21.716, á de Ourense; 21.423, á de Pontevedra; 19.920, á de Lugo; e 11.622, á de Ferrol.

Os galegos diagnosticados coa Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria ascenden a 2.638. Non se notificou ─oficialmente─ ningunha vítima mortal nos últimos días.

E un total de 178.867 persoas que desenvolveron a enfermidade tras se contaxiar curáronse, 129 na última xornada.