Xuízo do Alvia

O pai dun falecido en Angrois pide á xuíza unha sentenza "exemplarizante" para que "non volva pasar"

Vista xeral da sala da Cidade da Cultura na que se está a xulgar o accidente do tren Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O único que axuda a aliviar a "dor inmensa" a Rogelio Bernardo Brotón, afirma, é ir ao cemiterio cada día a "contarlle a loita" que están a librar ao seu fillo.

O pai dun mozo falecido no accidente do tren Alvia ocorrido hai case unha década en Angrois, á entrada de Santiago de Compostela, pediu esta quinta feira á xuíza unha sentenza "exemplarizante", para que "non volva pasar" e que non haxa quen "asine en barbeito". No xuízo polo sinistro ferroviario que ocasionou 80 mortos e 140 feridos e que afronta agora a parte de responsabilidade civil, a titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, respondeulle a este home que entende a súa "loita", mais que, "se cadra, era outra xurisdición" a que correspondía, tras queixarse de "reproches".

Rogelio Bernardo Brotón, o comparecente, é un dos membros máis activos da plataforma de vítimas, e relatou na sala que o único que lle "alivia" a "dor inmensa" da perda do seu fillo, que era tripulante de cabina e por tanto estaba a traballar o día da traxedia, é ir ao cemiterio cada semana e contarlle "a loita" que están a librar, "sempre colaborando coa xustiza", para coñecer as causas do descarrilamento do Alvia e tratar de depurar responsabilidades.

Por iso pediu á maxistrada unha sentenza "exemplarizante", xa que, de non ser así, haberá quen volva "asinar en barbeito", afirmou, en alusión a un dos dous procesados, o ex director de Seguridade da empresa pública Adif, Andrés Cortabitarte, a quen se lle atribúen —igual que ao maquinista, Francisco Garzón— 80 homicidios e 140 delitos de lesións por imprudencia profesional grave.

A continuación foi a quenda da nai do mozo, quen lembrou, emocionada, que o seu fillo transmitía "tranquilidade" ao asegurar que viaxaba nun tren con sistema de "freado automático", entre outras cuestións. "Que non lle volva pasar isto a ninguén, porque isto é insoportábel", recalcou. O cambio de proxecto que supuxo retirar o 'ERTMS' dos últimos quilómetros —xusto onde se atopa a curva na que había que pasar de 200 a 80 quilómetros por hora— e a desconexión deste sistema de freado na súa modalidade embarcada son dúas das cuestións chave que se abordaron na fase penal do xuízo.

Unha sentenza "que os satisfaga"

Na súa intervención, Rogelio Bernardo Brotón trouxo a colación a frase que esgrimiu a maxistrada esta mesma semana, noutra sesión, ante as queixas doutros dous pais que tamén perderon o seu fillo na curva da Grandeira. "Pareceume escoitar que alguén dixo nesta sala que non haberá sentenza que nos satisfaga ás vítimas", algo que "non é así", dixo, pois o que el persoalmente busca é unha sentenza "exemplarizante". "Loito polos demais, loito polos de fóra, polos da rúa", salientou.

A xuíza, nese momento, asegurou entender a súa "dor" e tamén a súa "loita", pero rexeitou que se lle fagan "reproches". "Non lle fago reproches, todo o contrario, sempre colaboramos coa xustiza", replicou esta vítima. Foi neste cruzamento de palabras cando Fernández Currás deslizou que "se cadra era outra xurisdición onde tiña que resolverse" este asunto.

Previamente, a pasada terza feira, a outros dous pais tamén lles remarcara que "isto é un xulgado do penal" no que "se debaten as responsabilidades que procedan", mais subliñou que "todo ese periplo político, todas esas queixas que teñen cara ao trato recibido por institucións e demais, todo iso queda fóra" do seu ámbito. A plataforma de vítimas apela ao estatuto da vítima, de 2015, e á "dimensión moral" do dano que sufriron, así como á súa necesaria reparación.

Na sesión desta quinta feira, a xuíza engadiu que a súa "intención", e mesmo o seu "desexo", é que si haxa unha sentenza ao final do proceso que os satisfaga. Brotón, pola súa parte, lembrou que esta asociación logrou que "moitos documentos" consten na causa e tamén que declarase o ex xefe de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Christopherr Carr, un profesional "independente", algo que contrapón á comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) do Estado español.