Pagar impostos a través de ‘Bizum’ será posíbel a partir da próxima semana

Pagar impostos a través de 'Bizum' será posíbel a partir da próxima semana. (Foto: Nós Diario)
O Diario Oficial da Galiza publica esta sexta feira o plan de control tributario da Xunta correspondente ao exercicio 2023.

As galegas e os galegos contribuíntes poderán liquidar os seus tributos a través do provedor de servizos de pago 'Bizum' a partir da próxima semana, polo que a Galiza estará "entre as primeiras comunidades do Estado español en facer posíbel esta opción".

Tamén se ampliarán os acordos con entidades bancarias para poder realizar o pago de impostos a través de caixeiros automáticos. Neste momento poden facerse xa xestións no Banco Santander e en CaixaBank.

Estas dúas novidades súmanse a outros métodos postos en marcha desde a pandemia da Covid-19, como o pago en liña (a través dá Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito); ou o pagamento das autoliquidacións de distintos impostos a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico nas oficinas da axencia tributaria galega, mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria. Tamén é posíbel realizar pagos a través de xiro postal.

Plan de control tributario

Así o recolle o plan de control tributario da Xunta, correspondente ao exercicio 2023, que publica esta sexta feira o Diario Oficial de Galicia (DOG).

O plan deste ano, segundo resalta a Consellaría de Facenda nun comunicado de prensa, "incide un ano máis” en ofrecer medios de pago "cada vez máis sinxelos para o contribuínte" coa finalidade de fomentar o cumprimento "voluntario" das obrigacións fiscais mediante a redución das cargas administrativas ás que deben facer fronte os cidadáns e as cidadás.

A través da Axencia Tributaria da Galiza, a Xunta resalta que seguirá ampliando os medios de información e asistencia aos cidadáns para "axilizar a prestación dos servizos públicos e facelos máis accesibles".

O DOG recolle as liñas xerais do plan, que "reforza", segundo Facenda, as liñas de actuación que desenvolve a axencia desde a súa posta en marcha en 2013. Está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación, que teñen carácter reservado.

A Consellaría de Facenda anunciou tamén que "nas próximas semanas" poñerase en funcionamento a nova web da Axencia Tributaria da Galiza cun redeseño "orientado a simplificar o seu uso e operatividade".