Pagar a contribución por cortes que non se usan

Persoas xubiladas vense obrigadas a tributar por construcións agrarias en desuso. As forzas da oposición exixen que o goberno actúe.

“Alguén que cobre unha pensión mínima e que teña que pagar por cortes que xa non usa, podería ter que abonar no IBI ó equivalente ó 5% da súa pensión anual”. Así se expresaba na Comisión de Agricultura o deputado de AGE, Antón Sánchez, a respeito do conflito xurdido polo denominado 'catastrazo', a revisión da contribución que se paga nos espazos rurais por construcións que até o de agora viñan ficando exentas deste tributo

O parlamentar exemplificaba unha das realidades que se dan coa nova normativa e que supón "machacar a pouca xente que vive e traballa no rural", sinalou a deputada do BNG Tareixa Paz. 

Antón Sánechez (AGE): “Alguén que cobre unha pensión mínima podería ter que abonar no IBI ó equivalente ó 5% da súa pensión anual”

E é que a revisión obrigará a tributar por galpóns, naves e mesmo invernadoiros o que carrexou duras críticas das forzas da oposición. Porén, desde o Partido Popular aseguran que o obxectivo non é recadar maiores ingresos para as administracións locais senón regularizar "a situación" de "vivendas non declaradas, ampliacións de vivendas que non se declararon e ata se atoparon 3.500 piscinas", sinalou Isabel García, voceira popular na Comisión de Agricultura. 

“Aquí é onde tiña que estar Feijoo para demostrar a súa filosofía de impostos cero no rural”, dixo o deputado do PSdeG, Pablo García, en referencia á política fiscal anunciada polo presidente da Xunta para as comarcas do interior co obxectivo de reaxer ao despoboamento rural. 

Tereixa Paz: "Están a machacar a pouca xente que vive e traballa no rural"

Bolsas de axuda ao estudo

Así as cousas, os problemas derivados do coñecido como catastrazo non rematan aí. Para alén do maís, algunhas das edificacións rústicas están a ser catalogadas como urbanas o que aumenta a contía a pagar e introduce un novo elemento nos criterios de acceso ás bolsas de axuda ao estudo do alumnado que pertence a familias labregas. 

Neste senso, Unións Agrarias reclama que sexa suprimido o limiar fixado polo Ministerio de Educación que estabelece 13.100 euros en valor de propiedades rústicas por integrante do núcleo familiar o que, após a revisión, podería deixar moitas persoas fóra das axudas cando se trata, en realidade, afirman, de "patrimonio ficticio" sen valor real no mercado. Neste senso, oposición e organizacións agrarias exixen que a Xunta interveña.