CATASTRAZO

Galpóns, cortes e galiñeiros terán que pagar contribución

Galpón na montaña de Lugo

Após a revisión catastral construcións rurais até o de agora exentas do IBI terán que comezar a tributar.

O goberno español aprobou en setembro de 2013 unha resolución da Dirección Xeral do Castrasto que obriga os concellos a revisar as edificacións quer urbanas, quer rústicas. Neste senso, todas as instalacións agrarias pasarán a pagar o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) mesmo aquelas que até o de agora ficaban exentas deste tributo como invernadoiros, galiñeiros, galpóns ou cortes. Para alén disto tamén se revisarán as construcións actuais para actualizalas. 

Todas as edificacións, incluídos invernadoiros, galiñeiros ou alpendres, terán que pagar a contribución

A medida suporá un importante impacto para as familias rurais, atinxidas pola crise de prezos do sector agrario. A norma prevé aplicar unha taxa que oscile entre o 0,3% e o 0,9% do valor da propiedade. 

Algúns municipios galegos xa comezaron a aplicar a nova norma, os restantes deberán desenvolver a revisión entre este ano e o que vén. Neste senso, organizacións agrarias como UPA exixen que sexa aplicada a taxa mínima e mesmo a posibilidade de estabelecérense bonificacións para aquelas explotacións agrarias que estexan a pasar por dificultades económicas. E é que, para unha nave cuxo valor se sitúe, por exemplo, en 100 mil euros, a contribución ascendería de ser taxada co valor máximo, a 900 euros anuais. 

Son os concellos os que determinarán o custe nunha forquita de entre o 0,3% e o 0,9% do valor da propiedade

Porén, a lexislación prevé tamén o cobro dunha taxa de regularización, de 60 euros. O obxectivo de Facenda é facer abrollar aquelas construcións que non constaban no catastro ou polas que non se tributaba. Neste senso, corre a conta dos executivos locais determinar o cobro do imposto de maneira que embora Facenda asegura que non ten afán recaudatorio polo que non se sancionarán aquelas persoas que tivesen construcións irregulares, en concellos como Chantada a veciñanza recibiu unha carta na que se lle reclama o valor correspondente aos catro últimos anos.