Padrón comeza os preparativos da Pascoa

Touriñán será o pregoeiro

Xosé Touriñán será o pregoeiro dunha festividade concienciada contra as agresións sexistas. A vila porá un autobús gratuíto para que as usuarias poidan chegar ás súas casas.

Padrón posúe 8.643 habitantes, porén a poboación adoita triplicarse durante a Semana Santa cada ano. Por esas datas, as súas rúas énchense de visitantes que buscan celebrar a Pascoa, un dos festexos máis grandes da comarca.

 

A poucos días do seu comezo, a vila comeza a prepararse. Desde o pasado domingo, o Paseo do Espolón é lugar de peregrinaxe coas tómbolas e as atraccións.

 

O sábado 20, o ronsel das primeiras bombas do día avisará do comezo dunha festividade que se prolongará até o domingo 28 de abril.  Este ano o humorista Xosé Touriñán relevará a Cristina Castaño como pregoeiro. A proclama farase ás 21 horas na praza de Macías, horario e emprazamento habitual.

 

A verbena será a tónica habitual durante toda a semana. As festeiras e festeiros verán amenizadas as súas veladas coas actuacións das orquestras París de Noia, Olympus, D’Moda e Passarela, entre outras.  Porén, tamén haberá espazo para outras actividades culturais. O sábado 13 terá lugar o Campionato Galego de Xadrez; o día 20 comezará a XLIX Feira de Maquinaria Agrícola e Industrial, e o día 24 o VII Campionato de Chave.

 

Teñamos a festa en paz

 

O auxe das iniciativas feministas tamén se fai presente en Padrón. O concello súmase ás iniciativas doutros municipios como o de Vilagarcía de Arousa, durante a Festa da Auga, ou o de Cambados no Albariño. Así pois, nesta edición instalarase un punto lila de información.

 

Tamén se implementará o denominado “Bus Lila” en resposta ante a masiva afluencia á que se ve sometida a vila cada ano. O autocar será de uso gratuito e realizará as paradas a petición das persoas usuarias.

 

Nas madrugadas dos días 20 e 21 o autocar sairá desde a biblioteca municipal para transcorrer o propio municipio, Rois e Dodro. O sábado 26 este servizo estenderase até os concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira. Baixo o lema “teñamos a festa en paz”, a iniciativa xorde co obxectivo de combater as agresións machistas que se poidan chegar a producir.