Concentración en Combarro contra a agresión sexual no Armadiña

A vítima, de 20 anos, foi atacada na zona de acampada por un home de 38, que foi detido. A organización rexeita “calquera tipo de violencia exercida sobre as mulleres” e chama a unha mobilización para esta sexta feira.

Un veciño de Marín d 38 anos de idade foi detido por un intento de agresión sexual sucedido en Poio no marco do festival Armadiña. Os feitos, segundo informan desde a garda civil, tiveron lugar sobre as 2:30 horas da noite do sábado ao domingo na zona de acampada do Armadiña Rock, festival que nestes días decorreu en Combarro.

 

Unha rapaza de 20 anos dirixiuse a unha zona afastada para ouriñar cando foi abordada por un home, do que conseguiu zafarse após forcexear con el para pedir axuda. O home foi detido pouco despois.

 

Desde a asociaCión Armadiña, organizadora do Festival, emitiron un comunicado no que se rexeita calquera acto de acoso e agresión para coas mulleres e manifestan o seu apoio á vítima do sucedido na zona de acampada.

 

Aliás, “declaramos persoas non gratas aos agresores machistas e repudiamos un sistema patriarcal que normaliza, favorece e xustifica feitos coma este”. Por último, convocan unha concentración urxente en repulsa á violencia machista para esta segunda feira, 27 de agosto, na Praza da Chousa ás 21:00 h.

 

Condenas

 

A Executiva Nacional do BNG amosou nunha nota a "absoluta repulsa contra estes acontecementos e a nosa máis sincera solidariedade coa vítima". Os nacionalistas consideran que "estes feitos poñen de relevo a gravidade e importancia da violencia sexual nas nosas vidas. Só no último ano completo houbo en Galiza 44 denuncias por violación con penetración  e 415 por outros delitos sexuais".