Saúde

Así avanza a psicocirurxía na Galiza: as pacientes con TOC entran en quirófano

Pablo Sousa, no centro, rodeado do equipo de neurocirurxía, psiquiatría e anestesioloxía do Chuvi. (Foto: Nós Diario).
Unha muller de 51 anos, da comarca de Vigo, converteuse na primeira doente con Trastorno Obsesivo Compulsivo refractario en someterse na Galiza a unha intervención cirúrxica para aliviar os síntomas do seu TOC. A operación foi un éxito e o Álvaro Cunqueiro xa planifica a seguinte. Busca ser o centro galego de referencia.

Especialistas dos servizos de neurocirurxía, psiquiatría e anestesioloxía da área sanitaria de Vigo completaron no mes de xaneiro a primeira intervención cirúrxica para o tratamento do Trastorno Obsesivo Compulsivo (TOC) na Galiza.  A operación tivo lugar no hospital Álvaro Cunqueiro e foi un éxito, de feito xa están a preparar unha segunda cirurxía. A paciente, unha muller de 51 anos da comarca de Vigo, xa foi dada de alta e evoluciona de forma favorábel. Segundo o equipo médico, a técnica empregada é "segura" para as doentes. "As complicacións serias son moi raras, o postoperatorio é sinxelo, os efectos secundarios escasos e a recuperación, rápida".

O TOC é un trastorno psiquiátrico complexo que pode ocasionar unha grave deterioración clínica, funcional e social a quen o padece, entre 2 e 3% da poboación. Caracterízase pola presenza de ideas obsesivas e compulsións que se manifestan de forma intrusiva e persistente, o que causa un alto nivel de sufrimento. 

Segundo a gravidade do TOC, as doentes reciben un tratamento combinado de fármacos e psicoterapia, pero nos casos máis graves non abonda. Entre 20 e 40% das pacientes non responde ás terapias convencionais, o que fai da solución cirúrxica "o seu último recurso".

Reequilibrio neuronal

A paciente que se operou no Álvaro Cunqueiro reunía todos os requisitos. "O primeiro foi contar coa colaboración do equipo de psiquiatría, que é quen recruta e identifica os candidatos potenciais. Despois tivemos que formarnos, neste caso nun centro de referencia como é o hospital La Princesa (Madrid), onde está unha das maiores expertas mundiais en cirurxía de trastornos psiquiátricos. E por último, dispor da tecnoloxía necesaria, uns implantes que contaron coa autorización ao Sergas", detalla o especialista en neurocirurxía Pablo Sousa.

A intervención consistiu na implantación de dous eléctrodos profundos, un en cada hemisferio cerebral. "O que buscamos é reequilibrar un circuíto cerebral que nestes pacientes funciona de forma anómala. Mediante estes eléctrodos, conectados a unha batería subcutánea, transmitimos uns impulsos eléctricos cos que se consegue frear unhas determinadas neuronas e activar outras que están a funcionar por debaixo do normal".

Segundo explica Sousa a Nós Diario a neuroestimulación cerebral logra reducir os síntomas do trastorno. "A repercusión funcional" que se espera desta cirurxía na vida da paciente é moi alta. "Son persoas que en moitas ocasións non poden saír á rúa por medo a contaminarse ou non poden ir sequera ao patio traseiro da súa casa por medo a que algo terríbel lle suceda á súa familia".

Para a OMS, o TOC é unha das dez doenzas máis incapacitantes que existen, polo que o obxectivo é "recuperar para a paciente certa calidade de vida, restando presenza tanto aos pensamentos obsesivos como aos actos que se ve obrigada a realizar en contra da súa vontade". Unha conquista que vai requirir tempo. "Calculamos que antes de dous meses non imos ver uns efectos claros". 

Proba de imaxe durante a planificación da primeira operación dunha paciente con TOC no Álvaro Cunqueiro.

Trastornos psiquiátricos

A cirurxía de trastornos psiquiátricos comezou a realizarse na metade do século XX. "Eran técnicas lesivas que xeraban secuelas moi importantes", sinala Sousa, "e que o cine e a literatura se encargaron de reproducir, por exemplo en Alguén voou sobre o niño do cuco".

O grande impacto das lobotomías fixo que acabasen caendo en desuso. "Co tempo fóronse identificando zonas diana sobre as cales unha lesión milimétrica ou unha estimulación eléctrica moi precisa podían conseguir un alivio dos síntomas", continúa Sousa, polo que a finais do século pasado creáronse "técnicas lesivas moi dirixidas", pero aínda con consecuencias irreversíbeis.

Coas novas técnicas que se están a empregar no século XXI "xa é posíbel volver atrás" e corrixir os estímulos que se aplican para un funcionamento máis óptimo. Actualmente, as dúas doenzas psiquiátricas que máis experiencia e recoñecemento acumulan coa estimulación cerebral profunda son o TOC e a depresión maior.

Novas cirurxías 

"Pero estamos vendo que se cambias as dianas sobre as que actúas podes obter beneficios noutras enfermidades como a anorexia nerviosa, as obesidades mórbidas refractarias, o famoso síndrome de Gilles de la Tourette e mesmo nalgúns pacientes con doenza tipo alzhéimer pódense conseguir recuperacións de memoria colocando eléctrodos nos circuítos cerebrais da memoria". Mais isto, advirte Sousa, aínda está en fase de investigación.

O que avanza é a especialización do Álvaro Cunqueiro na cirurxía do Trastorno Obsesivo Compulsivo. Estes días xa preparan unha segunda intervención que o equipo de Pablo Sousa confía en realizar no próximo trimestre.