Entrevista

Nacho Ozores: "O TOC trátase moitas veces de forma cómica nas películas, eu quería contalo de maneira máis veraz"

A de Nacho Ozores (Lugo, 1995) é unha desas olladas que prometen dar que falar. O seu primeiro traballo, 'O que medra por dentro' (2019) chegou aos Mestre Mateo como finalista. Desta volta presenta 'Mentres iso pasa' (2020), unha historia coa enfermidade mental no foco, realidade que o autor coñece de primeira man. E iso nótase. 
Nacho Ozores. (Foto: Cedida).
photo_camera Nacho Ozores. (Foto: Lucía C. Pan).

Os novos creadores audiovisuais adoitan traballar moito no eido das curtametraxes. Por que se opta por este formato?

Penso que é como unha carta de presentación, que se adapta aos medios económicos e técnicos que podes alcanzar para facer algo con xeito, que se adecua ao que tes preto. É impensábel pórse a facer unha longa ou mediametraxe.

Tamén é algo no que as profesionais do sector se tenden a prestar a traballar de maneira desinteresada, porque nas curtametraxes se van estudar cousas que nos eidos máis convencionais non, o que as fai atractivas para elas. É un punto de conexión entre todos. Cando alguén te chama para facer unha curtametraxe adoitas dicir que si, porque sabes que hai algo importante detrás, que se alguén a levanta é porque quere contar algo.

Estas condicións tamén poden facilitar que se dea maior risco na linguaxe fílmica?

Si, porque en certa maneira os directores que fan os seus proxectos tenden a ser produtores destes. Son quen tiran do carro, ou tiramos, e temos esa convicción de querer facer as cousas dunha maneira. Dáche máis liberdade que en proxectos máis grandes, nos que hai máis xente detrás, que opina e igual limita ese atrevemento.

No seu caso, o máis experimental dese primeiro traballo, O que medra por dentro, pasaba por facer unha peza narrativa sen mediar palabra. Que o levou a falar así sobre os incendios forestais?

Foi rodada en 2018, cando viñamos de vivir unha cantidade enorme de lumes na Galiza. Iso facía que me preguntase o porqué de todo iso, non entendía o motivo que estaba detrás, que tipo de persoas se agochaban tras esas prácticas. Púxenme a investigar, a ler, a escribir... E tirando do fío desenvolvín esta historia.

Tamén é certo que me influíu moito a figura do protagonista, Jaime Olivas, que fai de Cris, o ecoloxista. Coñecino traballando nunha serie, O final do Camiño, e a súa fisicidade inspirábame a facer algo nesa liña, sempre coa premisa de intentar contalo todo con imaxes, pero achegándose ao tema dos incendiarios que plantan lume ao monte.

Foi difícil achegarse a esa figura sen demonizala?

Si. Penso que é algo que fai super ben Oliver Laxe en O que arde, que non a demoniza, senón que a entende. O que máis custa nun principio é ver que non son pirómanos, xente que sinta pracer por prender lume, senón que lle pagan por facelo. Hai de todo, non sabes as circunstancias que levan a cada persoa a iso. Non se trata de xustificalo, pero si de entendelo. É un acto moi vil, un tema delicado que quería tratar da maneira na que eu o entendía: a de que eles son a man executora, mais non a que está detrás deses intereses.

Falando agora de Mentres iso pasa, achégase á realidade das enfermidades mentais. Houbo aquí tamén unha investigación previa bastante potente?

Eu levaba tempo querendo falar do trastorno obsesivo compulsivo (TOC), porque desde os oito anos ando con esa enfermidade. Por sorte agora está controlada, grazas a terapias, psicoloxía, traballos previos internos... Porén, tiña a necesidade de facer algo sobre o tema, vomitalo no papel e poder gravalo para expor o que é vivir con esa realidade e con esa enfermidade, que moitas veces se trata de forma cómica nas películas. Eu quería contalo dunha maneira máis veraz, nin dramática nin cómica. Vivir con iso pode ser incapacitante, polo silenciosa que é a enfermidade. Tárdase moito en recoñecer que a tes, a xente demora entre oito ou dez anos de media. Non comprenden o que lles está a pasar por dentro e senten algo de vergoña, porque parece un punto irracional. Pero todo ten un sentido, un por que se fan esas cousas.

Nesa procura de realismo incríbese a rodaxe en plano-secuencia, non si?

Si. Non quería cortar a emoción. Traballei moito con Denís Gómez, o protagonista, o guión e a dirección, para saber cara a onde ir. Para min volveuse vital non cortar, non xogar con planos picados, máis curtos... Pensaba que se non podía crear unha sensación cómica e deste modo creo que o espectador se sitúa dentro da mente da personaxe e está como inquieto e intrigado polo que está a facer. Ao principio non ten sentido, mais unha vez avanza a historia creo que axuda a entrar na súa psique.

Historias para pensar

Decidir que tipo de películas quere un facer non é sempre doado. "É algo que estiven debatendo moito durante a corentena", comenta Nacho Ozores. Con Mentres iso pasa, que podería catalogarse máis na vertente de certo cinema social, descubriu unha maneira sinxela de contar mais que sentiu que conectaba moi ben coa xente. Iso levouno a investigar filmes que tratan temas de maneira máis realista e descubrir que ese é o ronsel que, cando menos de momento, lle interesa seguir. "Penso que pode ter un valor cara á sociedade, sen ensinar nada a ninguén", di, na procura dun tipo de arte que convide á reflexión e exixa un espectador activo.

Ozores está xustamente desenvolvendo a súa primeira longametraxe, titulada de momento Un fillo, arredor da "importancia do poder de decisión cando unha persoa quere ou non ter descendencia, os motivos que moven a iso". Considera o tema "moi en voga na nosa xeración", pois "parece que estamos obrigados, pero hai moita xente que non se sente preparada ou non quere renunciar ao seu benestar polo de outra persoa á que aínda nin coñece".

Comentarios