Pacientes do CHUS querélanse contra Sanidade pola opacidade nas listas de espera

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
A Asociación de Pacientes do CHUS presenta un recurso contencioso-administrativo a través do procedemento de vulneración de dereitos fundamentais.

O 28 de marzo do 2022 a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS formulou, ante a Consellaría de Sanidade, solicitude de acceso a información sobre as listas de espera a 31/12/2021 contidos no anexo IV do Real Decreto 605/2003, do 23 de maio, que recolle unha ampla información sobre as listas estruturais e non estruturais, que non é obxecto de publicación semestral por parte do Sergas e que, coa mesma periodicidade, de acordo co citado RD, deben remitir ao Ministerio de Sanidade.

Despois de diversas dilacións, demoras e negativas de acceso por parte da Consellería, a Comisión da Transparencia de Galiza (CTG) ditou resolución o 4 de outubro do 2022 pola que se desestiman as razón aducidas pola Consellaría de Sanidade para non autorizar o acceso e resolve estimar a reclamación presentada pola Asociación de Pacientes instando a apela a que, no prazo de  10 días hábiles, facilite o acceso a información solicitada. “A día de hoxe esta resolución continúa sen cumprirse e non temos acceso a información solicitada”, sinalan desade a asociación.

Posteriormente, proseguen, o 7 de xuño do 2023, volve reiterarse a petición referida aos anos 2021 e 2022 sen que a mesma fose contestada. “Ante esta flagrante vulneración do dereito fundamental de petición recollido no artigo 29.1. da constitución de 1978, e do incumprimento reiterado e mantido no tempo da resolución da CTG, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, 3,  en cumprimento do acordo adoptado pola súa asemblea xeral o 14 de marzo do 2023, presentou ante o xulgado do contencioso administrativo de Compostela, recurso polo procedemento especial de vulneración de dereitos fundamentais, prevista no artigo 114 e seguintes da Lei reguladora de dita xurisdición”.

O voto do PP impediu que se aprobase a finais de outubro na comisión de sanidade do Parlamento galego unha iniciativa que solicitaba "facer públicas, con carácter inmediato, a totalidade das listas de espera do sistema público de saúde, estruturais e non estruturais, incorporar ás listas de espera estruturais a todas as pacientes que foran eliminadas das mesmas". A proposición non de lei, presentada polo BNG, tivo o apoio do PSdeG.

As lista de agarda sanitarias referidas á segunda metade de 2022 reflicten un importante incremento das persoas incluídas nas mesmas, rexistrando un novo máximo histórico. Así, 380.171 galegas e galegos agardan por unha cita hospitalaria, das cales 46.161 esperan una media de 77,8 días por unha cirurxía; 215.620 esperan unha media de 66 días por unha consulta hospitalaria e 118.390 esperanunha media de 88,4 días por una proba diagnóstica. Estes tres casos reflicten unha alza importante en relación cos anteriores semestre.