Pacientes do CHUS acusan o Sergas de desentenderse do colapso en radioloxía do Concepción Arenal

Imaxe de arquivo do centro de saúde compostelán. (Foto: Redacción Médica)

A Asociación de Pacientes e Usuarios do complexo sanitario compostelán afirma que a Xerencia da área sanitaria mantén en situación de colapso este servizo do centro de saúde malia coñecer os problemas na atención.

Usuarias do servizo de radioloxía do centro de saúde Concepción Arenal, en Compostela, denuncian que non reciben a atención axeitada do Sergas malia acudir á infraestrutura con citas fixadas previamente para realizar determinadas probas.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) considera que a Xerencia de Xestión Integrada da área de Compostela está a permitir que o “colapso” continúe a pesar de ter coñecemento da súa existencia.

O colectivo subliña que xa en 2015 acompañou algunhas persoas e puido comprobar directamente que “despois de ter fixada unha cita para a realización dunha proba radiolóxica e de transcorrer unha prolongada espera, non foron atendidos nin chamados polo servizo”.

Esta situación xa fora posta en coñecemento de responsábeis do ambulatorio. No entanto, en 2021 a situación segue a ser parecida en determinados días ou momentos pero empeora pola pandemia, algo do que a plataforma alertou este sábado.

“Vémonos na obriga de denunciar publicamente a situación de colapso que nestes días están sufrindo os pacientes do servizo, que puxeron en coñecemento da Asociación a situación vivida o pasado día 7 de xullo pola tarde. O soto onde se realizan as probas estaba ateigado de pacientes nunha sala que, polas súas deficiencias estruturais, non cumpre os criterios de seguridade e prevención fronte á Covid-19”, lamenta.

A capacidade da sala de agarda neste tempo é de oito persoas pero agardaban 15 no mesmo lugar. “O tempo de espera para realizar unha simple radiografía excedeu das 2 horas e 30 minutos”, incide.

Na súa denuncia engade que na quenda de tarde o servizo estaba atendido por unha soa técnica, no seu primeiro día, para facer todas as tarefas. Desde “realizar a proba a xestionar chamadas” recollendo tamén os volantes médicos. A carga de traballo desta profesión fixo que ás 18.30 horas, segundo a asociación, quedaran 13 persoas agardando para entrar. “Tres delas tiñan cita tres horas antes”, destacan, ao tempo que subliñan que o espazo no que están as e os pacientes ten “unhas condicións de protección fronte ao contaxio por coronavirus inadmisíbeis para un centro sanitario”.

Un dos principais ambulatorios da cidade

De feito, indican que coa crise sanitaria na mesma zona de radioloxía hai unha zona de probas do coronavirus “que carece de todo tipo de protección específica: portas das consultas abertas, sen separación entre as salas de agarda, sen ventilación...”.

Ante o que ve coma un empeoramento da xestión da Atención Primaria, aínda máis preocupante pola pandemia, -nunha denuncia que se sucede por distintas vilas de Galiza, especialmente nos últimos meses- demanda solucións á xerencia e ao Sergas, que considera “responsábeis legais únicos das nefastas consecuescias en saúde que as políticas de privatización e mercantilización da sanidade están xerando”.

Cómpre lembrar que o Concepción Arenal é un dos máis concorridos da cidade, pois “atende case o 54% das consultas en todos os centros de saúde” do municipio. En consecuencia defende o papel do persoal e lamenta que se vexa “obrigado a asumir tarefas administrativas e burocráticas e atender unha demanda con recursos insuficientes que reducen a calidade asistencial”.