Convocan unha protesta en Santiago contra o uso do 'electroshock'

O electroshock volveu á opinión pública a raíz do caso dun mozo de Arzúa ingresado en Conxo. (Foto: Nós Diario)
A Asociación de Pacientes do CHUS pon o foco no mediático caso dun mozo ingresado en Conxo ao que se lle aplicou a terapia electroconvulsiva malia oporse a propia familia. Considera que a decisión "vulnera" os dereitos fundamentais do doente e que "non ampara o seu dereito ao consentimento informado e prívao da tutela xudicial".

A conveniencia do uso das terapias electroconvulsivas en determinados pacientes psiquiátricos segue no foco do debate na Galiza, após transcender o caso, avalado pola Xustiza, dun mozo de 30 anos ingresado no Hospital de Conxo por un cadro psicótico a quen se lle aplicou o 'electroshock' —malia a oposición da familia—. A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS convida agora a poboación a participar esta terza feira, contra as 19.30 horas, dunha concentración que terá lugar na Praza do Toural, en Santiago, contra este tipo de terapias.

Por medio dun comunicado, a asociación considera que con esta decisión "está a violarse o dereito" do mozo "á súa autonomía persoal e á capacidade de decidir sobre a súa saúde, ao non considerar como válida a súa manifestación verbal e escrita, antes do tratamento, de non recibir a terapia TEC". Do mesmo modo, afean que a psiquiatra que trata o paciente neste centro optase "pola vía xudicial" ante a negativa do mozo para recibir este tratamento, "ignorando os antecedentes vitais e de saúde" do paciente e "descartando outras alternativas de conciliación, diálogo e atención", o que ven "agresivo e desproporcionado".

"Esta forma de proceder retrotráenos a unha visión paternalista e autoritaria da atención, hoxe contraria ao espírito da Lei de Saúde da Galiza, cuxos principios informadores están inspirados na colaboración, diálogo e participación do paciente nos procesos de saúde", recolle o comunicado, que sinala que a orde xudicial para levar adiante o tratamento "non está a amparar o dereito do paciente ao consentimento informado e prívao da tutela xudicial, ao non considerar válida a súa negativa ao tratamento e indagar sobre outras posíbeis alternativas de atención que concilien o dereito á saúde e a autodeterminación persoal".

Desde a asociación salientan que o caso deste mozo "non é o único" no Hospital de Conxo, e claman contra a aplicación do tratamento con 'electroshock' en situacións como esta, un tratamento que, apunta o colectivo, "non conta con soporte científico" e "pode producir danos na memoria e lesións cerebrais".

"Elevadísimo risco" de suicidio

O mozo, de 30 anos de idade e orixinario de Arzúa, permanece ingresado desde principios do mes de febreiro na planta de Psiquiatría do Hospital de Conxo tras ser atendido por un cadro psicótico. Dada a súa situación, avaliada polos psiquiatras no hospital, e ante o "altísimo risco para a súa vida" que supón a "grave patoloxía" que padece, segundo recolle o auto emitido polo Xulgado número 6 da capital galega, determinouse o seu ingreso xudicial, así como que se lle aplicase a terapia electroconvulsiva.

A familia do mozo manifestou a súa oposición a este tratamento e o seu desexo de que o paciente sexa dado de alta. No veredicto, o xuíz chama a atención sobre o feito de que o home padece unha "patoloxía grave" que supón un perigo para a súa propia vida, dado que persiste na actualidade a "sintomatoloxía psicótica activa" e que, a maiores, non é "consciente do seu trastorno mental e da necesidade do tratamento pautado", polo que se atopa "imposibilitado" para "decidir no momento actual".

O maxistrado, que se basea nos informes de Psiquiatría do hospital, así como nunha avaliación forense por parte do Imelga e nun recoñecemento xudicial do mozo, estabelece que existe "un risco grave e inminente para a integridade física do paciente de ser autorizada a súa alta hospitalaria e o seu traslado ao centro proposto polo proxenitor", que é "manifestamente inadecuado de maneira obxectiva para o tratamento que precisa".

Sobre o tratamento proposto polo seu psiquiatra, o auto recolle que, desde o ingreso, tentaron aplicarlle, sen éxito, "cinco tratamentos orais alternativos", e que os especialistas consideran que a terapia de 'electroshock' está "absolutamente xustificada". O doente xa recibiu algunhas das sesións programadas.