Pacientes de cancro denuncian demoras nas revisións: "Estamos esgotadas de reclamar"
Galiza rexistrou 715 casos de cancro por cada 100.000 habitantes en 2024, o que a sitúa como a terceira comunidade no Estado con maior incidencia, segundo a Asociación Española contra o Cancro (AECC). A previsión é que para 2050, o número de casos de galegos e galegas con tumores cada ano sexa maior: 825 por cada 100.000 habitantes, por riba das previsións a nivel de todo o Estado, que sitúan a taxa de incidencia en 686 casos por 100.000 habitantes.
Os tumores son a principal causa de morte na Galiza nas persoas de entre 30 e 80 anos. A taxa na Galiza é de 305 persoas mortas por cancro por cada 100.000 habitantes, no Estado é de 233. A investigación, os avances e a mellora dos tratamentos fai que a recuperación de doentes sexa algo cada vez máis habitual. O estudo Radiografía sobre o estado da investigación en cancro na Galiza, elaborado pola Fundación Científica da Asociación Española contra o Cancro recolle como eses avances fixeron posíbel nestas catro décadas que a taxa de supervivencia ao cancro na Galiza se sitúe en 55% para homes e en 62% para mulleres.
Mais na loita contra o cancro hai tamén espazos onde cómpre avanzar máis, como sinalan as propias pacientes en ámbitos como o sistema de citas a través do denominado "buzón" ou as demoras para as revisións.
O "buzón" é un protocolo que consiste en rexistrar o paciente nunha "lista opaca" na que figura de forma indefinida sen ter unha data fixa de atención, atendendo supostamente a criterios de xestión e recursos. "Ese sistema non ten cobertura legal", afirma a Nós Diario Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). "A norma di que non pode haber persoas en espera de cita, si en espera de consulta", acrecenta.
Até oito asociacións diferentes participaron en outubro pasado nun acto en Compostela para denunciar o sistema de 'buzón' do Sergas: "Non existen criterios técnicos, legais, económicos, sanitarios e moito menos humanos que xustifiquen este protocolo", afirmaron. Pouco despois, a principios de novembro, o conselleiro de Sanidade, Antonio García Caamaño, anunciaba que a Xunta da Galiza ía modificar o sistema de "buzón". O obxectivo, dixo, "é que saian [os pacientes] da consulta cunha cita". Tres meses despois, denuncian pacientes oncolóxicas, nada variou. "Estou todo o día pendente do teléfono", indica a Nós Diario a padronesa Milagros Giráldez, operada hai tres anos de cancro de colon e que debe someterse a revisións periódicas. "Para que me atendan teño que estar constantemente reclamando, estou esgotada de facelo", indica, criticando as demoras nas revisións, que se ben se reduciron a respecto do pasado, continúan. A isto engade que o sistema "buzón" fai que estean permanentemente na incerteza. "Poden avisarte dun momento a outro, a min xa me teñen para ir dun día para outro ao hospital a través de SMS", apunta, ao tempo que incide en que a situación na que está pásalle factura tamén a nivel psicolóxico. "A min esta situación aféctame moito, non llo desexo nin ao meu peor inimigo", afirma.
Avisos "dun día para outro"
Aida Castro, moza residente en Compostela, afirma que o "buzón" condiciona o seu día a día ao ter que estar constantemente pendente del. "Impídeche facer unha vida normal", sinala esta paciente oncolóxica, operada de cancro de mama e que desde 2023 está neste protocolo, "ás veces avisan dun día para outro, sen máis, e tes que andar a organizarte".
"O propio xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza comprometeuse a que ía tentar mellorar o sistema pro nada cambiou, a día de hoxe seguimos igual", apunta Aida Castro a este xornal. Sinala que as revisións ás que ten que someterse periodicamente no seu seguimento de cancro rexistran demoras de até un mes, "que é un prazo que eles [Sanidade] consideran medicamente aceptábel".
A problemática derivada deste protocolo usado pola Consellaría de Sanidade chegou até a propia Valedora do Pobo. A Valedora afirmou en decembro que vixiaría que a Consellaría de Sanidade eliminase o "buzón" de pacientes, a lista non oficial á que van parar as persoas que non teñen cita. A Valedora María Dolores Fernández Galiño lembrou que a sanidade é o ámbito que máis queixas aglutina durante ese ano. Moitas destas queixas están relacionadas coa xestión das citas e as listas de espera.
Nós Diario púxose en contacto co Sergas para coñecer a súa posición respecto a estas denuncias. Desde o Sergas indican que "non se trata dun sistema de ‘caixón’, senón unha axenda dinámica de citas xestionada polos servizos de admisión", e que " ese sistema é un sistema legal".
En todo caso, conclúe, o Servizo Galego de Saúde "tense comprometido a mellorar o sistema, e niso está a traballar, para garantir axilidade nas citacións, mellorando tempos e para que se atenda coa máxima axilidade o que realmente é urxente".
Os tumores de próstata e de mama, os de máis incidencia
No ano 2024 diagnosticáronse na Galiza 19.401 casos de cancro, segundo os datos a AECC. O de próstata é o de maior incidencia, con 196 novos casos por cada 100.000 habitantes na Galiza (146 no Estado), seguido do de mama, (160 na Galiza e 145 no Estado), o colorrectal (105 e 145 respectivamente), o de pulmón (78 persoas con este tumor por cada 100.000 habitantes na Galiza e 65 no Estado), o de vexiga (56 e 46) e o cancro de pel non melanoma (41 na Galiza, 30 no Estado).
O estudo Radiografía sobre o estado da investigación en cancro na Galiza recolle nas previsións de mortalidade por cancro na Galiza desde 2023 até 2030 un aumento de 11%. No Estado ese incremento previsto de falecementos por tumores é case o duplo que na Galiza, 21%. "Espérase que a nivel da Galiza o envellecemento da poboación aumente a incidencia de enfermidades como o cancro, así como a demanda de atención sociosanitaria das persoas dependentes e a súa contorna", indicábase no traballo. No que respecta ás idades, as persoas de máis de 75 anos son as máis afectadas por esta doenza (case 7.500), mentres que por baixo de 39 son 468. Destas, 47 son doeents que teñen menos de 14 anos de idade.