Unha paciente oncolóxica denuncia "abandono asistencial gravísimo" polo sistema do "buzón" do Sergas
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS alerta dun novo caso de "abandono asistencial": unha muller con antecedentes oncolóxicos quedou no "buzón" do Sergas sen data para unha proba urxente, soportando meses de espera e incerteza mentres reclama á Valedora do Pobo que se respecten os seus dereitos.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de denunciar publicamente un novo caso que cualifica de "gravísimo abandono asistencial" derivado do sistema de “buzón” do Sergas para consultas externas e probas diagnósticas. Caridad Domínguez, paciente oncolóxica, vese obrigada a agardar até setembro ou outubro por unha mamografía que o seu oncólogo cualificou como preferente.
No seu testemuño, Caridad explica que, tras unha revisión privada por atrasos no servizo de oncoxinecoloxía, detectáronlle un tumor ou quiste nun peito. "Casualmente, tiña cita telefónica de oncoxinecoloxía e coméntolles o que me encontraron na consulta privada. Póñenme no 'buzón' para oncoloxía mamaria e danme cita o 28 de maio do 2025. O médico detecta o tumor e solicita unha mamografía bilateral con prioridade preferente", relata.
A paciente presentou unha reclamación á Valedora do Pobo o 18 de xuño ao non recibir cita, sendo admitida a trámite o 1 de xullo. Ese mesmo día asignóuselle a proba para o 4 de xullo, mais Caridad tivo que pedir un cambio de hora por estar fóra e imposibilidade de desprazarse soa. "Dixéronme que non me preocupara, que a semana seguinte me darían nova cita. Mais o 3 de xullo chamáronme para dicirme que paso ao 'buzón' até setembro ou outubro", lamenta, denunciando que a responsabilizan falsamente de "rexeitar a cita", cando o que fixo foi pedir un cambio.
Desde a asociación critican que un sistema público de saúde non pode dar "esta resposta burocrática carente de empatía" a unha paciente oncolóxica exposta a unha recidiva e que require atención preferente. "O sistema de 'buzón' produce efectos perniciosos que poden ter consecuencias graves para a saúde e a vida. Se a cita fose fixada no momento da solicitude coa preferencia asignada, como marca a Orde do 13 de xullo de 2004, a paciente podería organizarse", denuncian.
Ademais, cuestionan quen asume a responsabilidade de asignar datas con pouca antelación e sen valorar causas xustificadas, ou quen decide que a persoa enferma quede penalizada e relegada ao "buzón" durante meses, vivindo coa incerteza e a presión psicolóxica. A asociación lembra que este sistema "non cumpre a legalidade vixente nin respecta dereitos básicos recollidos na Carta Europea de Dereitos do Paciente, a Lei de Saúde da Galiza, a Lei sobre autonomía do paciente e a Orde do 2004".
Por iso, exixen que se suprima de inmediato o sistema do "buzón" e se restitúan os principios de información, transparencia e prevalencia do criterio clínico. "As vítimas silenciosas serán innumerábeis mentres se recorra a el para ocultar a incapacidade de atender a demanda asistencia", conclúen.

