Un paciente procedente de Madrid, primeiro caso de coronavirus na Galiza

É un varón de 49 anos e está illado no Chuac. "Na Galiza non circula o virus", indican desde Sanidade. Outro paciente está illado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo á espera dos resultados das probas do Centro Nacional de Microbioloxía.

As análises realizadas a un paciente procedente de Madrid e que permanece illado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) confirman a infección por coronavirus, primeiro caso positivo na Galiza. É unha persoa de 49 anos, procedente de Madrid, e que veu a Galiza para unha entrevista de traballo.

Aliás, un transportista veciño de Vigo está illado no Cunqueiro de Vigo á espera dos resultados definitivos das probas. O Hospital xa decdiu aillar traballadoras sanitarias que estivesen en contacto co paciente. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa que está seguindo o protocolo e xa iniciou o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios. "Están identificados todos os contactos que tivo esta persoa e faiselles un seguimento", indican as autoridades sanitarias.

Segundo informou a Europa Press a secretaria xeral de CC.OO. Saúde de Galiza, Emilia Lamas, esta paciente está illado na Unidade de Infecciosas. Ademais, este sindicato indica que o médico que o atendeu en Chuac e unha ducia de traballadores e traballadoras que estiveron en contacto con el, de varias categorías profesionais, están illados preventivamente nas súas casas.

"O paciente nestes momentos está estábel dentro da súa situación de gravidade", informan desde o Sergas

O home chegou esta terza feira ao servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña con problemas respiratorios e diagnosticáronlle pneumonía, após o que se lle fixo a proba do coronavirus, que se repetiu esesta cuarta feira e foi remitida a Madrid.

A Consellería de Sanidade confirmou que as análises realizadas no Servizo de Urxencias do Chuac, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía en Madrid, a este paciente procedente de Madrid "confirman a infección por coronavirus" deste home de 49 anos.

Na Galiza investigáronse até agora 142 casos sospeitosos de coronavirus

En concreto, este paciente permanece illado neste hospital coruñés, indicou Sanidade, "en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidad. Ademais, Sanidade explicou, nun comunicado, que a Dirección Xeral de Saúde Pública "está a seguir o protocolo" e iniciou o estudo de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.

Na Galiza investigáronse até agora 142 casos sospeitosos de coronavirus, 141 casos resultaron negativos. Sanidade atendeu 1.051 chamadas informativas.