Sergas habilita un novo número, e desta vez gratuíto, para informar do coronavirus

É  900 400 116 e está operativo desde hoxe, terza feira.

Desde hoxe mesmo, terza feira, a Consellería de Sanidade vén de poñer a disposición o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número gratuíto, pódense resolver todas as dúbidas que as galegas e os galegos teñan ao respecto.

Desta vez, e así o destaca o propio Sergas, o número é gratuíto, algo que non era o anterior, 902 400 116, o que motivou queixas e protestas.

O departamento sanitario galego lembra que para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, recoméndase non acudir directamente ao hospital ou centro de saúde, senón contactar telefonicamente co 061.

Por último, a Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre os territorios e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de auto protección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotábel- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.