Caderno de Verán

Outras patrias: Percorrido pola conmemoración dos días das sete nacións celtas

Un ano máis, o próximo 25 de xullo celébrase o Día da Patria Galega para conmemorar a identidade nacional do noso país. Ao igual que a Galiza, outras nacións sen Estado tamén festexan o seu día co fin de reivindicar a súa presenza no mundo, entre elas, as nacións celtas que se encontran histórica e culturalmente tan ligadas á Galiza.

O 25 de xullo, celébrase o Día da Patria Galega, oficialmente o Día Nacional da Galiza, que coincide coa festividade do Apóstolo Santiago o Maior. A orixe do día da patria remóntase ao ano 1919, cando se celebrou a segunda Asemblea nacionalista das Irmandades da Fala, na cidade de Compostela, no que se decretou o 25 de xullo como Día da Galiza. Porén, non foi até 1930, co remate da ditadura de Primo de Rivera cando se permitiu celebrar este día xunto cos diferentes actos galeguistas.

Posteriormente, durante o franquismo, a poboación galega emigrada seguiu a ter moi en conta a data que continuou a conmemorar, como en Buenos Aires, o destino da emigración por excelencia, onde se levaban a cabo diferentes actos como a lectura da Alba de Groria de Castelao. O 25 de xullo de 1968 marca o punto de inicio da celebración do Día da Patria Galega na súa denominación, formulación e orientación actual, coa convocatoria, por parte da Unión do Povo Galego (UPG), dunha mobilización na capital da Galiza en defensa dos dereitos nacionais. Máis tarde, o Día da Galiza foi oficializado por un decreto da Xunta en 1979, e até mediados da década dos 80, cando se permitiu por primeira vez a realización dunha manifestación, así como a ofrenda a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela.

Do mesmo xeito que a Galiza precisa dun día para reivindicarse como nación e proclamar os seus elementos identitarios, así sucede con moitos outros pobos de Europa. A raíz da conmemoración do día da patria galega semella pertinente poñer o punto de mira naquelas nacións sen estado que tamén celebran os seus días nacionais co fin de reivindicar a súa presenza no mundo como países cunha cultura, cuns costumes, cunha lingua, música, gastronomía e maneiras de vivir propias. Centrarémonos especialmente nas nacións celtas, que presentan unha especial relación histórica e cultural co noso país.

Enténdense como nacións celtas aquelas que comparten trazos culturais de orixe celta, uns de tipo lingüístico (as variedades insulares, córnico, gaélico, galés e manés e a variedade peninsular, o bretón), ou toponímico, mais tamén musicais, artísticas ou mesmo referidas a costumes. Todas estas similitudes permiten que estas nacións estean, dalgunha maneira, vinculadas a unha identidade común. As nación celtas son, ademais da Galiza, Escocia, Irlanda, Gales, Cornualles, a Illa de Man e Bretaña.

O concepto de nación celta, así como o estudo sobre o celtismo, como unha cuestión socio-política, remóntase aos séculos XIX e XX. Concretamente, a concepción celtista da Galiza comeza a explorarse nos estudos de Murguía e Benito Vicetto, no século XIX. No inicio do século XX, a xeración Nós, as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos recollen as ideas relacionadas co ideario celtista para empregalas como factor diferenciador da Galiza nos inicios do nacionalismo galego. Isto propiciou un debate aínda aberto a día de hoxe sobre as orixes celtas da Galiza, que continúa a xerar unha gran paixón entre as persoas expertas no tema.

En Irlanda o día nacional celébrase o 17 de marzo, xusto dous meses antes que o noso Día das Letras Galegas, coincidindo co día de San Patricio, unha festividade orixinalmente cristiá que se dedica a ese santo patrón dos católicos irlandeses, mais tamén conmemorativa da fundación da República irlandesa. Como consecuencia do intenso fluxo migratorio deste pobo cara a América, esta festa tamén se comezou a celebrar en países como Estados Unidos ou Canadá. O primeiro desfile, de carácter relixioso, polo día de San Patricio, realizouse en Dublín no ano 1931. A partir do ano 1990, o goberno irlandés comezou a potenciar o evento coa finalidade de que conseguise un amplo recoñecemento a nivel internacional. É por esta razón polo que hoxe en día se considera unha festa popular multitudinaria, celebrada tanto en Irlanda como en numerosas cidades arredor do planeta, como Boston, Buenos Aires, Londres ou mesmo Sidney. Se ben o desfile de Dublín é o máis importante, cómpre destacar que o máis multitudinario é o da cidade de Nova York. Ironicamente, durante case todo o século XX, o carácter relixioso desta festividade prohibía a apertura dos bares, polo que a idea que temos na actualidade desta celebración entre ríos de cervexa non se corresponde en absoluto coa realidade dos seus comezos.

O día nacional de Escocia é o 30 de novembro, coincidindo coa festividade de San Andrés, o patrón da comunidade católica do país. Nesta data, toda Escocia celebra este día coa finalidade de render tributo ás súas tradicións, á súa cultura, á súa lingua e a todo tipo de expresión cultural propia. Durante a xornada organízanse actividades culturais en diferentes localidades, celébranse bailes, os museos e castelos teñen a entrada gratuíta e os seus habitantes, no medio das omnipresentes melodías de gaitas, locen os seus kilts e os seus vestidos co tradicional deseño do tartán e mostran, moitos deles, a cruz escocesa pintada na cara. De características moi semellantes no que respecta á exaltación da cultura propia, é o día nacional de Gales, que ten lugar o 1 de marzo coincidindo, como nos casos anteriores, coa festividade do patrón da comunidade católica galesa, San David. Neste día celébranse desfiles, a xente viste os traxes tradicionais e mesmo hai quen se disfraza de allo porro, a planta nacional, ou de narciso ou dragón, símbolos presentes na bandeira galesa.

Tamén en marzo se festexa o día nacional de Cornualles, concretamente o día 5, en homenaxe a San Piran, patrón dos católicos dese país, no que se conmemora a historia e a cultura córnicas e no que os nativos consumen de maneira obrigada as súas tradicionais empanadillas de carne. Un par de meses despois, o 19 de maio, celébrase o día da Bretaña, CouelBreizh en idioma bretón, en homenaxe ao patrón católico San Ivo, durante uns actos que se prolongan unha semana e congregan a máis de 400.000 persoas nos seus máis de 150 eventos.

A única celebración entre as nacións celtas que se conmemora, como no caso da Galiza, no verán, tamén no mes de xullo, é o da Illa de Man, o día 5, coñecido como o Día Tynwald, en referencia ao parlamento manés. Durante a xornada promúlganse novas leis na illa de San John’s, nunha tradición que se remonta ao tempos dos viquingos e os seus habitantes ondean a bandeira nacional das Tres Pernas de Man sobre un fondo vermello.