Outeiro de Rei reclama á Igrexa 46 bens: aparcadoiros, campos da festa ou camiños

Casa consistorial de Outeiro de Rei (Imaxe: Nós Diario).
O Pleno do Concello de Outeiro de Rei reclamará á Igrexa un total de 46 bens inmatriculados en virtude da lei impulsada no seu día por José María Aznar (PP). A proposta partiu do Grupo Municipal do BNG e contou co apoio do Goberno, do Partido Popular.

O pleno do Concello de Outeiro de Rei, gobernado polo popular José Pardo, aprobou por unanimidade reclamarlle á Igrexa os 46 bens inmatriculados coa lei que impulsou no seu día José María Aznar no Goberno.

A reclamación partiu do BNG, que logrou que esta moción fose aprobada nunha sesión na que o portavoz do grupo nacionalista, Xosé Ferreiro, avanzou que con esta acción tentan " recuperar os bens públicos propiedade da Igrexa e que rexistrou sen ningún tipo de documentación acreditativa, que son de uso público pero non dedicados ao culto relixioso".

O nacionalista debullou que se trata, sobre todo, de "aparcadoiros, campos da festa, mesmo camiños que a Igrexa ao amparo da lei de Aznar apropiouse indebidamente deles".

Tras a aprobación, o Consistorio "deberá reclamar" e recuperar "pola vía precisa este tipo de bens para o que é o patrimonio público" e dáse un prazo dun ano "para que actúe en consecuencia e reclame eses bens".

Ademais, hai casas reitorais que, aínda que non son de uso público, "foron construídas con achegas dos veciños e na época franquista eran de todo menos voluntarias".

"Eses bens teñen que volver ao patrimonio público", demandou Ferreiro, que puxo especial énfase na casa reitoral do municipio, que se vai destinar a un centro de día e pola que tivo que pagar o Concello de Outeiro de Rei.

De Carballeiras a prazas de aparcadoiro

Este mes de febreiro fíxose pública a listaxe de bens rexistrados pola Igrexa en virtude da lei de Aznar. Máis do 20% do total de bens rexistrados pola Igrexa en todo o Estado atópanse na Galiza. Trátase de 7.131, e destes, máis de 4.000 non están relacionados co culto.

A publicación deu pé a propostas por parte da oposición. O BNG, a través do seu portavoz no Congreso, Néstor Rego, reclamou abrir unha investigación. En 2019, a formación nacionalista reclamara coñecer todos os bens inmatriculados desde 1946.

O PSdeG pediulle ao Goberno galego que poña en marcha "accións e medidas necesarias" que permitan "impedir a consolidación do dominio ou outros dereitos reais inmatriculados a favor da Igrexa católica na Galiza".