O BNG reclama unha investigación

Carballeiras, pisos e garaxes, entre os bens rexistrados pola Igrexa como propios

Máis do 20% do total de bens rexistrados pola Igrexa en todo o Estado atópanse na Galiza. Trátase de 7.131, e destes, máis de 4.000 non están relacionados co culto.
A capela dos Remedios en Saavedra (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A capela dos Remedios en Saavedra (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press).

O Goberno do Estado vén de facer público, máis dun ano e medio despois, o listado dos bens rexistrados pola Igrexa Católica, un "privilexio outorgado ás autoridades eclesiásticas primeiro no franquismo e logo ampliado durante o Goberno do PP de Aznar", sinala o BNG nunha nota de prensa.

A Igrexa puido desde entón certificar que un inmóbel era seu e proceder directamente á súa inmatriculación, é dicir, a rexistralo por primeira vez e isto motivou que se apropiase "ilicitamente e sen control de moitos bens dos que non era verdadeiramente titular", denuncia o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego

Dos 34.984 inmóbeis rexistrados, máis do 20% do total atópanse na Galiza

Dos 34.984 inmóbeis rexistrados, máis do 20% do total atópanse na Galiza, uns 7.131, e destes, máis de 4.000 non están relacionados co culto. Trátase de "pisos, fincas, garaxes, chegando incluso a rexistrar carballeiras e campos da festa como propias da Igrexa sen selo, é dicir, pertencendo a persoas particulares ou ao dominio público".

"A información que se fai pública de cada un dos bens é moi escasa, o que dificulta enormemente a posibilidade de identificación e que podan reclamarse polas persoas afectadas, por iso é necesario completar eses datos, sobre todo no referido ás fincas rústicas", incide o deputado nacionalista.

O BNG insta o Goberno estatal a investigar os bens rexistrados

O deputado do BNG sinala que "é necesario que o propio Estado investigue os bens rexistrados a nome da Igrexa para poder determinar cales foron inscritos sen título previo, só coa palabra da autoridade eclesiástica sen necesidade de acreditación documental".

A proposta, de saír adiante, permitiría coñecer cales foron inscricións irregulares e mesmo que se poidan iniciar os trámites necesarios para devolvelos aos seus lexítimos propietarios.

Comentarios