Renfe compromete unha nova conexión entre Ourense e Madrid

BNG e CXT reclaman tamén a recuperación da conexión das 06.45 horas con Compostela e A Coruña (Alberte Mera)
Renfe comprometeu un novo tren que conecte Ourense con Madrid, seggundo informou o PSOE após unha xuntanza co presidente do ente ferroviario, que non garante a recuperación doutras liñas perdidas após o estado de alarma.

Ourense contará cun novo tren Alvia a Madrid á primeira hora da mañá cando entre en servizo o novo tramo da liña de alta velocidade entre Zamora e  Pedralba, segundo informou o presidente de Renfe, Isaías Táboas, nunha reunión cunha delegación de cargos do PSOE que tivo lugar no día de onte.

O encontro congregou Táboas co deputado socialista Adolfo Pérez Abellas, coa deputada Uxía Tizón e co senador Miguel Bautista, xunto ao secretario provincial, Rafael Villarino.

A través dun comunicado, o PSOE informa deste novo tren e celebra a "mellora" da conexión. Ademais, indican que o responsábel de Renfe comunicou que as estacións de tren de Ribadavia, O Barco, A Rúa e O Carballiño contarán "temporalmente" con asistencia persoal "para facilitar as persoas viaxeiras a compra nas máquinas de  autovenda".

As novidades chegan despois das reiteradas queixas polas deficiencias do servizo, agravadas polas reducións aplicadas a raíz do estado de alarma, coa diminución de servizos en toda Galiza, que Renfe cifra en 35% para a media distancia.

No caso de Ourense, o pleno municipal que tivo lugar o pasado día 2 aprobou dúas mocións do BNG e o PP para pedir a recuperación das liñas recortadas e servizos como os de venda de billetes no Barco e na Rúa.

En concreto, o BNG aludiu aos prexuízos que supón a eliminación do tren Avant das 06.45 horas, que conectaba Ourense con Compostela e A Coruña, empregado por estudantes e como ruta laboral, unha petición que tamén expresou esta semana o sindicato CXT.

"Renfe informou de que o servizo  Avant entre Ourense, Santiago e A Coruña conta na actualidade cunha das maiores taxas de reposición de servizos de todo o estado, alcanzando 86% da oferta que existía con anterioridade ao estado de alarma", expón, ao respecto, o PSOE.