Ourense ten oito de cada dez positivos por Covid-19 nos centros escolares galegos

Rodríguez durante a súa comparecencia de hoxe na Cámara galega. (Foto: Xoán Crespo / Europa Press)

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento para aclarar que as escolas e colexios están a servir de “cortalumes” contra a expansión da pandemia. A estas horas, xa hai 142 crianzas afectadas na área sanitaria dos 425 positivos de toda Galiza.

Após da gran afección da pandemia nas residencias de maiores, os centros educativos estanse a descubrir como outros dos principais focos de contaxio, sobre todo naqueles inseridos na área sanitaria de Ourense.

Atendendo aos datos que se foron facilitando de maneira pública, oito de cada dez novos casos de coronavirus nas escolas corresponden á zona de Ourense, a máis afectada neste momento pola crise sanitaria. De feito, xa hai 142 positivos nos centros educativos.

Tamén o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, analizou estes datos na súa comparecencia no Parlamento, onde concretou que nos colexios e institutos xa hai 425 positivos, 50 máis dos que se tiñan contabilizado o sábado.

O 80% dos positivos por Covid-19 están na contorna de Ourense, onde o número de doentes entre o alumnado creceu en 40 até alcanzar a 142 persoas. En Vigo, Ferrol e Lugo os efectos da pandemia reducíronse.

Rodríguez aclarou que os datos da área sanitaria do interior galego van en paralelo á evolución epidemiolóxica. As crianzas contaxiadas pertencen ao alumnado de 60 infraestruturas, se ben os peores casos están no CEIP As Mercedes e no CPR Plurilingüe Santo Ángel, cunha ducia de casos respectivamente.

En outras zonas como a área de Pontevedra hai 54 nenas e nenos infectados, e en Lugo a cifra é de 44 en 28 instalacións.

Rodríguez presume do "gran traballo" feito

A pesar desta situación, Rodríguez incidiu no “gran traballo que se está facendo” para garantir a seguridade das e dos estudantes. “Máis do 80 % dos centros contan cun ou dous positivos, o que evidencia a "moi reducida transmisión comunitaria”, dixo, subliñando o que, segundo o seu parecer, é unha “correcta aplicación dos protocolos” marcados polas autoridades sanitarias.

De feito, falou de que os colexios están a servir como “cortalumes” para pór control sobre a pandemia e que non se expanda tanto nin a un ritmo tan acelerado.