Ourense, Lugo e Ferrol lideran o ranking de cidades con vivendas baleiras no Estado español

Imaxe de Ferrol.

A ‘área metropolitana’ de Ourense é a que ten maior porcentaxe de inmobles deshabitados: 22%.

Na Galiza hai un total de 299.396 vivendas baleiras, segundo o último censo oficial, correspondente ao exercicio 2011. Unha cifra que representa 18,6% do total das existentes no noso país e que son 1.606.001. É a porcentaxe máis alta de todo o Estado español. Na última década aumentou a porcentaxe de vivendas baleiras en Galiza en case un 9%. O 'boom' inmobiliario derivou en construcións a toda costa. Entre 2001 e 2011 na Galiza construíronse 297.118 vivendas, un medre de 22,3 por cento.

 

No informe de Indicadores Urbanos que o INE vén de publicar esta semana tres cidades galegas lideran o ranking no Estado de urbes con maior porcentaxe de vivendas deshabitadas. Unha listaxe de 111 cidades na que o primeiro posto corresponde á catalá Manresa, onde 23,8% das vivendas están baleiras. En segundo posto figura Ourense, con 21,7%; seguida de Lugo, con 20,7% e de Ferrol, con 19,7% das súas vivendas sen habitar. A media estatal é de 13,6%.

 

Así pois, das catro cidades do Estado onde hai maior porcentaxe de vivendas baleiras, tres son galegas. Pontevedra figura nesa lista no posto onceavo. Na cidade do Lérez de cada 100 vivendas, 17 están deshabitadas (17,4%). En Compostela a porcentaxe é de 16,9%, sendo a capital de Galiza a 14ª cidade do Estado con maior proporción de domicilios deshabitados. A Coruña (no posto 31, con 14,2% das vivendas nese estado) e Vigo (12,9%) completan a representación galega.

 

Porcentaxes todas elas moi afastadas das cidades madrileñas de Coslada, Majadahonda, Alcobendas e Móstoles, onde a porcentaxe de vivendas sen habitar non chega a 4%.

 

Áreas metropolitanas

 

No estudo do Instituto nacional de estatística (INE) tamén se fai unha radiografía deste problema por áreas urbanas funcionais (AUF), termo para definir unha cidade e os concellos que conforman o seu entorno funcional, concretamente de influencia laboral.

 

Nesta clasificación áchanse 45 AUF n todo o Estado e a de Ourense é a de maior porcentaxe de vivendas sen habitar de todo o territorio, con 21,9%. Séguelle a AUF de León, con menos de 20%. A área funcional de Santiago ten un 17,4% de inmobles deshabitados (a sexta entre as 45 áreas funcionais).