Ourense e Barbadás piden a posta en marcha do bus metropolitano

Xácome e Valcárcel, esta quinta feira, 7 de setembro, en Barbadás (comarca de Ourense). (Foto: Nós Diario)
Xácome sinala a Xunta da Galiza como responsábel

Os alcaldes de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá), e do municipio limítrofe de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel (PSOE), uniron forzas esta quinta feira, 7 de setembro, para reclamar á Xunta da Galiza a creación dun sistema de transporte metropolitano ao redor da cidade das Burgas.

Os rexedores súmanse así á petición que esta mesma semana facía o BNG a través da deputada Noa Presas, que demandou melloras no transporte público por estrada na comarca de Ourense

Valcárcel recibiu no seu consistorio o alcalde ourensán para manter unha xuntanza de traballo na que trataron temas que afectan ambos os municipios, pero, principalmente, enfocados ao transporte metropolitano. Os rexedores avanzaron que solicitarán unha reunión de traballo co Goberno galego á que convidarán a asistir as Alcaldías da comarca para demandar a activación do proxecto.

Nesta liña, o alcalde de Barbadás sinalou que o transporte metropolitano é "algo imprescindíbel" para a cidadanía e manifestou que as ordenanzas están aprobadas "desde hai seis ou sete anos" e que a Xunta prometeu entón que "se poría en marcha nun mes", algo que ao final ficou "en auga de castañas". 

Pola súa parte, Xácome apuntou a Xunta como responsábel da posta en marcha da rede de transporte, posto que, remarcou, en Ourense estaría "todo listo en tres semanas". O rexedor da cidade das Burgas indicou que "os grandes prexudicados" serán as concesionarias da Xunta, que cobren varias liñas desde San Cibrao das Viñas e desde Barbadás. "Se se instalase este transporte, o Goberno galego tería que rescindir o contrato e indemnizalas", afirmou Xácome.

"Tecnoloxía necesaria"

A Xunta remitiu unha resposta na que sitúa a responsabilidade da situación no Goberno ourensán, ao que pide que "acredite" que os autobuses urbanos dispoñen da tecnoloxía necesaria para a súa integración no sistema de transporte metropolitano, así como máquinas canceladoras nos vehículos que cobren o transporte de Ourense.