Os otorrinos do CHUS amplían a folga a dous días por semana

Hospital Clínico Universitario de Santiago (Foto: Nós Diario).
Os paros, que se viñan producindo desde o pasado decembro, serán agora todas as terzas e quintas feiras.

Os profesionais do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), en folga desde o pasado mes de decembro, amplían a dous os paros semanais, xa que á das terzas feiras sumaranse, desde o 10 de marzo, as quintas.

Así o notificaron desde o comité de folga, no marco dunha nova xornada da folga indefinida que manteñen desde o 11 de xaneiro —e en decembro fixeron varias xornadas de paro— estes traballadores, cada terza feira, para exixir unha "organización axeitada e non arbitraria" no servizo.

Deste modo, insisten en que reforzan a folga "ante a demanda previa á querela presentada" polo xefe de servizo, Carlos Santiago Martín. En relación ao seguimento da folga, apuntaron os convocantes que roldou esta terza 70%, e suspendéronse "tres de cada catro consultas programadas", en relación a 114 de 152.

Co deste 22 de febreiro xa son doce días de paros os que levaron a cabo desde o pasado mes de decembro. Sobre a demanda presentada nun xulgado de Primeira instancia da capital galega polo xefe de servizo, por parte de Comisións Obreiras (CCOO) explicaron que se dirixe contra dez médicos que denunciaron a situación do servizo e acúsaos de "ciumes profesionais incomprensíbeis", ao tempo que exixe unha indemnización económica de 10.000 euros.

En concreto, estes profesionais están citados no xulgado o vindeiro 11 de marzo con motivo da demanda previa á querela, no marco dun acto conciliación, apuntaron a Europa Press fontes sindicais.

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras mostrou a súa "incredulidade" por esta demanda e exíxelle ao Sergas "que actúe dunha vez". Ademais, sinalou que ve "insólito" que un xefe de servizo "queira amedrentar" cunha demanda xudicial á maior parte do persoal que dirixe.

Para este sindicato, a " inacción do Sergas", ao seu xuízo, "permite esta situación, cun xefe de servizo nas súas funcións que presenta unha querela contra a maioría do persoal facultativo fixo do seu departamento".

"É unha situación inédita na sanidade galega e insólita en calquera empresa", abunda. Sobre a situación deste xefe de servizo, por parte de CCOO criticaron que recentemente foi nomeado membro do Comité Clínico de Cirurxía Robótica, creado o pasado mes de decembro, e con competencias en toda a Galiza. "A designación fíxose a proposta do director xeral de Asistencia Sanitaria, signo inequívoco de apoio do Sergas a esta persoa, no canto de poñerse ao lado dos profesionais en folga", critican.