Óscar Lantes, un dos descubridores da ermeloíta: "O interesante a nivel científico é que este mineral fose atopado noutros lugares do mundo"

Óscar Lantes Suárez. (Foto: Nós Diario)

A Universidade Santiago de Compostela (USC) anunciou esta segunda feira a descuberta da ermeloíta no monte Ermelo de Bueu, un mineral inédito até o de agora no mundo. A ermeloíta foi recollida nun traballo de campo de José Carlos Rodríguez VázquezMoisés Núñez e Manuel Cerviño. Nós Diario conversa con Óscar Lantes Suárez, responsábel da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC, para saber máis sobre este novo mineral e a mineraloxía na Galiza.

A descuberta deste novo mineral, ocorreu de maneira fortuíta? Como foi o proceso?

Fortuíto foi atoparse con algo novo. Nós levamos moitísimo tempo facendo análise de minerais e análises sistemáticas, porque traballamos cun programa dirixido para non facer análises soltas cada vez que nos traen unha mostra. Estamos especializados desde hai bastantes anos en facer este tipo de estudos, e temos un grupo de persoas interesadas na mineraloxía que nos axuda a conseguir mostras. Contamos cunha ampla colección de minerais que foron sometidos a diferentes análises para caracterizalos.

Cando caracterizas un mineral e obtés os seus datos, podes comparar cos datos de estudos anteriores noutros minerais. Se non atopas nada nas bases de datos, comezas a sospeitar que atopaches algo diferente. De  vez en cando pasa algo así, como é o caso da ermeloíta. Cando xa estábamos seguros de que era unha mineral novo, trasladamos unha proposta á Asociación Internacional Mineralóxica, o organismo internacional encargado de certificar este tipo de descubertas. Despois de varios meses, a asociación confirmounos que aprobara a nosa proposta.

Que características fan singular a ermeloíta?

Todos os minerais contan cunha serie de características e propiedades físicas, mecánicas; de cor, forma, cristalización... Da ermeloíta, o que podemos dicir por agora é que semella un mineral masivo, compacto, de cor abrancazada. É un fosfato de aluminio monohidratado. Existen máis variedades deste tipo de fosfatos, pero cristalizan de maneira diferente e presentan un grao distinto de hidratación.

Despois de varios meses, a asociación confirmounos que aprobara a nosa proposta.

A mostra obtida é moi pequena, polo que aínda non se pode falar nin de posíbeis aplicacións nin deste tipo de cuestións. O maior interese agora mesmo é que é un peza que se acaba de descubrir.

Pensan que pode ter unha presenza masiva, no monte Ermelo (Bueu) ou noutras zonas?

Todo este tipo de minerais aparecen asociados a un tipo de rochas, as pegmatitas. Non están presentes en cantidades moi grandes, xa que son minerais secundarios. Cando as pegmatitas cristalizan, son outros os elementos que compoñen a estrutura principal, pero minerais como a ermeloíta están aí. O que pasa é que non sempre se investigan e non se lles da moito valor porque case non se ven. Pero si teñen un gran interese para a ciencia, porque permiten coñecer como foi o proceso de formación deste tipo de rochas.

Pode ser que haxa máis cantidade de ermeloíta? Por suposto, pero cunha presenza moi mínima, e non ten que ser xusto alí, xa que pode estar presente noutros lugares cunha estrutura xeolóxica semellante. Para nós, o interesante a nivel científico é que este mineral fose atopado noutros lugares do mundo en formacións similares.

O que si, desaconsellamos que se comecen a facer prospeccións masivas na zona do monte Ermelo. Sobre todo por protexer o patrimonio mineiro e xeolóxico galego. Isto é un achado científico e deben ser os científicos os que traballen sobre o terreo. Eu pediríalle á xente que non vaia alí e comece a escavar, porque hai que ser moi cautelosos e moi coidadosos con esa contorna.

Na Galiza descubríronse en total catro minerais. Tres no século XIX e a ermeloíta agora. De que depende que se produzan este tipo de descubertas? Puramente do azar, dos recursos destinados polas administracións...?

Depende un pouco de todo. Un factor importante é ter en conta o contexto da evolución da ciencia mineralóxica. Os séculos pasados foron moi prolíficos porque aínda estaba todo por facer. Entón comezouse a recompilar toda a información dos minerais maioritarios, pero hoxe en día quedan cada vez menos por descubrir. Pasa igual coas especies animais e vexetais.

Que sucede? Que nos últimos tempos non se fixeron análises sistemáticas en microminerais presentes nesta zona da península. Os grandes minerais teñen maior visibilidade, e estes pequenos elementos, a pesar de ter unha importancia científica moi importante porque nos permiten afondar na xeoloxía rexional de cada territorio, pasan máis desapercibidos.