Óscar Carrete, voluntario nos labores de extinción: “Moito posto de mando avanzado e isto é un caos, importámoslles un 'nabo' ás Administracións"

Óscar Carrete, voluntario na extinción de incendios en Folgoso do Courel (Imaxe: Cedida).
Óscar Carrete leva unha semana colaborando, como voluntario, nos labores de extinción de incendios no Courel. Narra, en primeira persoa, o "caos" que padeceron durante as peores xornadas. Exemplifícao co lume que arrasou a aldea de Vilar, onde ficaban dúas persoas tratando de conter as lapas e que carecían de auga suficiente, cando "había unha carroceta parada, sen condutor, a escasos cinco quilómetros de alí". Asegura que con máis medios "a catástrofe nos sería tal" e carga contra a xestión da Xunta da Galiza.

Hai unha semana rexistráronse os primeiros lumes no Courel, como explica que a día de hoxe continúen sen controlar?

Que o Courel leve máis dunha semana ardendo é pola suma de diversas circunstancias: a climatoloxía; que houbese centos de hectáreas de plantación de piñeiros seguidas, desde Carballal-Mazo, Froxán-Vilar e Santa Eufemia; a falta de medios de extinción, que ademais estiveron mal organizados; que dirixan un lume e os desaloxos desde a explanada dunha gasolineira... Se o queren organizar peor, non son capaces.

Moito posto de mando avanzado, onde centralizaron todo, e isto é un caos. Na aldea de Vilar, dúas persoas que quedaban alí non tiñan auga dabondo, cando sabemos que había unha carroceta parada sen condutor a escasos cinco quilómetros.

Leva participando desde o día 15 de xullo como voluntario nos labores de extinción de incendios no Courel, que botou en falla en todos estes días?

Estes días deime conta de que ante unha catástrofe deste tipo, hai que confiar na veciñanza porque ás Administracións, desde unha gasolineira ou desde Santiago, impórtaslles un “nabo”.

Cando ves que desaloxan unha aldea e que os veciños quedan para defendela, comezas a facerlle fronte o lume, e dáste de conta do que podemos chegar a facer estando unidos e traballando en equipo. Aí non che importa nin o risco que corres nin as posibilidades que hai de salvar a aldea; fas o posíbel para salvala... aínda que te deixes a pel nela.

Unha das queixas é a falla de medios materiais e humanos para combater o lume, mesmo que o concello non contase con brigadas municipais de extinción. Cre que con máis persoas e equipos se podería evitar a magnitude da traxedia?

Desde logo, con máis brigadas e con outros medios, a catástrofe non sería tal. Non pode ser que as 10 ou 15 brigadas dos concellos do distrito estivesen aínda sen contrato en vigor por burocracia, en plena vaga de calor en xullo. Aínda así, moitos que xa tiñan os EPI, estiveron de voluntarios toda a semana.

Os incendios deixan tras súa importantes consecuencias no ámbito económico, social e medioambiental, que valoración fai diso?

Todo o que se faga no Courel non servirá para reparar o causado. Haberá quen saque tallada das axudas, pero os que amamos o Courel de verdade, nin por todo o ouro do mundo quereríamos que iso ocorrese. As axudas creo que deberían ir encamiñadas nun primeiro momento aos prexudicados directos, propietarios, gandeiros e empresas locais afectadas, que dunha ou doutra maneira vivan do turismo, pero sen esquecerse de aprender para que non se repita.

A prevención é clave, así como mellorar os plans forestais, que haxa pozos de carga de auga en cada aldea, bocas de incendios e mangueiras, accesos para poder cargar no río, etc.  Cómpre facer cumprir a Lei de Montes de Galiza e a faixa de seguridade de 50 metros nas aldeas.

Toda repoboación debería ser con árbores froiteiras, ou frondosas. As mimosas que rebroten deberíanse erradicar, as pistas forestais deberían anchearse e facelas transitábeis... Resumindo, todo o que tanto o Concello como a Xunta, que son os que teñen competencia nisto, non o fixeron até o de agora. Desde logo, non nos calarán, esixiremos responsabilidades, para que non se repita tal incompetencia.

Penso que todo Folgoso debería considerarse zona catastrófica, xa que iso implicaría medidas medioambientais, sociais, laborais…

Quería aproveitar para dar as grazas a tanta e tanta xente que axudou na extinción, aos equipos que dobraron quendas, aos veciños que voluntariamente percorreron aldeas en perigo... pois sen eles, Folgoso do Courel tería oito aldeas menos. E tamén agradecer a toda esa xente que colaborou con bocadillos e comida, mesmo tendo que estar desaloxada. Agardo que saibamos renacer dunha outra maneira, e evitando erros do pasado.