Os sindicatos súmanse á oposición ao centro comercial Porto Cabral en Vigo

Amelia Pérez (CCOO), Serafín Otero (CIG) e Antonio Juste (UGT)

A Comunidade de Montes de Cabral pronunciarase hoxe sobre esta iniciativa empresarial que suporía a expropiación de monte en man común.

Como anticipara Sermos Galiza as tres principais centrais sindicais da comarca de Vigo expresaron esta sexta o seu rexeitamento á instalación do centro comercial “Porto Cabral”. A través dun comunicado conxunto, asinado pola secretaria e os secretarios comarcais de CCOO, CIG e UXT, os sindicatos argumentan a súa oposición ao polémico proxecto asegurando que a cidade olívica “xa está actualmente saturada deste tipo de oferta comercial” lembrando que ás 9 grandes áreas existentes sumaranse a medio prazo outros dous centros, o Bandeira no barrio do Calvario e máis o da nova estación do AVE.

Os sindicatos aseguran que este tipo de investimentos non crea emprego neto e denuncian que as contratacións que se fagan serán maioritariamente precarias

Os tres sindicatos cadran en expresaren a súa discrepancia a respecto de que este tipo de investimentos creen realmente postos de traballo. “O único que producen estes macroinvestimentos é o deslocamento de estabelecementos desde os centros xa existentes aos de nova creación sen dar lugar a unha creación neta ou sostida de emprego” denuncian, facendo referencia ás experiencias de Marineda City e As Cancelas respectivamente. “Ademais as contratacións que se fagan serán maioritariamente precarias, que non garanten un salario que permita vivir dignamente” engaden.

Desta maneira as tres organizacións desmontan o principal argumento do que se valeu o alcalde da cidade, o socialista Abel Caballero, para abandeirar un proxecto que conta xa coa oposición da veciñanza, do BNG, Esquerda Unida e diversos colectivos ambientais. 

Demanda de apoio ao tecido industrial

Na declaración conxunta as centrais sindicais sinalan tamén que as grandes áreas comerciais “colidan co desenvolvemento do pequeno e mediano comercio” ao que poñen en valor pola súa achega ao emprego e ao desenvolvemento económico e  por ser “un sector local fronte ao capital transnacional das grandes cadeas e franquicias”.

A respecto do necesario impulso económico dunha comarca, a viguesa, que xa ten arredor de 80.000 persoas sen emprego, a aposta sindical é ben clara: desenvolver a industria.“É urxente unha resposta real por parte do conxunto das administracións públicas, quer estatal, quer autonómica, quer tamén municipal, para poñer en marcha todas as medidas precisas para frear o brutal esmorecemento do sector industrial da nosa cidade e bisbarra” sinalan para concluíren que  “o futuro de Vigo e da súa comarca pasa ineludibelmente por desenvolvermos as súas inxentes capacidades produtivas”

Asemblea da Comunidade de Montes

Este domingo realizarase unha nova asemblea xeral da Comunidade de Montes de Cabral. O cerne da orde do día é precisamente o debate arredor do proxecto “Porto Cabral”. 800 comuneiros deberán expresarse a favor ou en contra dun proxecto que suporá a expropiación de arredor de 300.000 m2 de monte comunal. 

A pasada semana un colectivo de afectados e comuneiros que se opoñen á instalación do centro comercial organizaban unha andaina veciñal, na que na que participaron centos de persoas reclamando máis información e o voto en urna. Unha hora antes do inicio da asemblea teñen convocada unha nova protesta ás portas do recinto na que terá lugar.