Os sindicatos convocan oficialmente en Galiza a folga xeral do 14-N

Rexistro da Folga Xeral do 14-N
Os secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT presentaron no rexistro xeral da Xunta a convocatoria de folga xeral.

 

Suso Seixo, en representación da CIG, Xosé Manuel Sánchez Aguión de CCOO, e José Antonio Gómez de UGT, presentaron esta mañá no rexistro xeral da Xunta de Galiza a convocatoria de folga xeral que terá lugar na xornada do 14 de novembro. Á saída atenderon aos medios de comunicación e defenderon a unha oposición contundente ás políticas dos gobernos do PP.

Suso Seixo, da CIG, enmarcou a protesta “dentro dun contexto europeo que tamén estará de folga esa mesma xornada”. Foi moi crítico coa reforma da lexislación laboral, as políticas antisociais e as medidas económicas e fiscais “que están a agravar a crise, incrementando o desemprego, a pobreza e a exclusión social”.

Polo seu lado Xosé Manuel Sánchez, de CCOO, criticou a postura da central sindical CSIF que non estivo de acordo con celebrar esta folga “xusto cando sabemos que @s empregad@s públicos terán aínda máis recortes nos seus dereitos”.

José Antonio Gómez, de UGT, afirmou que "se están negociando na UE políticas de recortes sen informar á cidadanía, políticas que tamén conducen a maior recesión e non apostan por unha saída real da crise".