Os catro datos que desmenten o conselleiro Julio Comesaña e a xestión sanitaria da Xunta

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)
Comesaña criticou o "uso partidista da sanidade".
  1. Menor investimento do Estado español en Atención Primaria
  2. Quinto territorio coa sanidade máis privatizada
  3. Cada vez máis tempo de espera en doenzas graves
  4. "Persecución" a traballadoras e representantes sindicais

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, cualificou de "engano" que BNG, PSdeG e diferentes plataformas falen de "desmantelamento da sanidade pública" na Galiza.

As declaracións do conselleiro chegan un día despois de que milleiros de persoas se manifestaran en Vigo esta quinta feira na defensa da Atención Primaria.

Comesaña criticou o "uso partidista da sanidade" exercido por "convocantes, promotores e financiadores" da manifestación que decorreu no día de onte.

Neste sentido, reivindicou o gasto sanitario do Goberno galego, e afirmou que o sistema sanitario do noso país "é un orgullo para os seus integrantes".

Menor investimento do Estado español en Atención Primaria

A pesar das declaracións do conselleiro, os datos mostran que a Galiza foi a segunda autonomía que menor investimento destinou á Atención Primaria en 2020, superando só a Madrid.

Segundo a Estatística do Gasto Sanitario elaborada polo Ministerio de Sanidade, a Galiza destinou  11,6% do total destinado a sanidade.

A porcentaxe significou un investimento de 2,3 puntos inferior á media estatal, situada en 13,9%, e ficou lonxe daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado. Esta cifra en Andalucía chegou a 17,7% do gasto sanitario total, en Castela- León a 16 %, en Estremadura a 15,5% e en Nafarroa a 15,25%.

Só Madrid investiu menos diñeiro en Atención Primaria que Galiza. Así, a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso destinou 10,7% do orzamento sanitario á Primaria. 

Quinto territorio coa sanidade máis privatizada

A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública emite de maneira anual o informe A privatización sanitaria das Comunidades Autónomas.

Na última edición, a de 2022, Galiza figura como o quinto territorio do Estado en grao de privatización da súa sanidade. No informe de 2019 figuraba no posto oitavo e en 2020 no sexto. Avanzou tres posicións en 'privatización' en tres anos.

A Galiza rexistra un gasto en seguros privados ao ano por persoa de 121 euros, mentres que o gasto sanitario per cápita —aquel derivado de prestacións que non cubre o sistema público, por exemplo, odontoloxía— é de 457 euros anuais. Un de cada tres equipamentos sanitarios de alta tecnoloxía na Galiza están na sanidade privada e a porcentaxe de camas hospitalarias privadas sobre o total é de cinco de cada cen. O número de consultas anuais a especialistas do sector sanitario privado por 1.000 habitantes está en perto de 400 e a porcentaxe do gasto sanitario que se dedica a contratar con centos privados sitúase na Galiza en 6,5%. 

Cada vez máis tempo de espera en doenzas graves

A deputada do BNG Iria Carreira lembrou a pasada semana aos responsábeis do Sergas, na comisión de Sanidade, que "un doente da área sanitaria de Santiago e Barbanza tivo que agardar dous anos, dous meses e 23 días para unha intervención cirúrxica de uroloxía". "Se miramos os datos oficiais da Xunta para área sanitaria de Santiago e Barbanza, no servizo de Uroloxía non había ningún paciente con máis de 12 meses de permanencia na lista de espera. O paciente que mencionei anteriormente levaba xa 596 días", aseverou Carreira.

O exemplo sinalado pola deputada é un síntoma do funcionamento das listas de agarda. Neste sentido, significou que "nalgunhas especialidades hospitalarias da área sanitaria de Ourense non se lle dá cita aos pacientes para unha consulta hospitalaria até 2023". Ao tempo, denunciou que "a día de hoxe hai pacientes oncolóxicas en estadío IV [o máis grave] que requiren dunha Tomografía Axial Computerizada (TAC) trimestral, por exemplo, e que se lle está a realizar cada 6 meses".

"Persecución" a traballadoras e representantes sindicais

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) sancionou o pasado xaneiro Fátima Nercellas, unha doutora do servizo de Urxencias do Clínico á que o Sergas lle abriu un expediente disciplinario por caer nunha “suposta falta grave” ao trasladar “un paciente do corredor a Observación”.

Porén, tanto a facultativa como as asociacións na defensa da sanidade pública denunciaron a "persecución" da Xunta, a través do Sergas, a traballadores e traballadoras, coa intención de “silenciar as súas reiteradas denuncias” e advertencias sobre a realidade da Sanidade Pública na Galiza.