Os cámpings galegos rexistrarán unha ocupación media de 90% en agosto

Un camping nas illas Cíes. (Foto: Rudiernst / Adobe Stock)
No norte do Estado, cámpings de Cantabria, Asturias e Euskadi tamén alcanzarán 90% de ocupación.

Os cámpings galegos rexistrarán unha ocupación media de 90% en agosto, segundo estimacións da Federación Española de Cámpings que precisa que, a nivel estatal, espérase "un agosto mellor que xullo".

Nun comunicado, sinala que "se o mes de xullo foi bo en termos de ocupación a nivel xeral, mesmo no norte peninsular con certa inestabilidade meteorolóxica, os datos que manexa a Federación Española de Cámpings (FEEC) para o mes de agosto son positivos".

Así apunta que se calcula que a ocupación media será en torno a 90% tamén a nivel Estado, "con centos de estabelecementos que colgarán o cartel de completo, especialmente até o 20 de agosto".

"Os bungalós estarán practicamente a 100% e as parcelas ao ar libre para autocaravanas, campers e caravanas a 80% de ocupación", engade. Ademais, indica que a oferta glamping (Cámping glamuroso) "segue gañando adeptos".

En concreto, informa que no Mediterráneo, estabelecementos da Comunidade Valenciana, Andalucía, Murcia e Barcelona terán unha ocupación media superior a 90%.

No norte do Estado, cámpings da Galiza, Cantabria, Asturias e Euskadi tamén alcanzarán 90% de ocupación, un dato que condiciona ao tempo. O mesmo porcentaxe prevé para os cámpings de interior.