FEMINICIDIOS

Exixen máis políticas de prevención e atención directa ás mulleres en situación de violencia machista

Foto: Mulheres transgredindo
O Observatorio da Mariña pola Igualdade quéixase de que os recortes do Goberno español se ceben ''coa loita contra a violencia de xénero'', destinando un 21% menos de orzamento á prevención desta lacra e á atención directa ás mulleres que a viven

Facendo fincapé na feminización da pobreza que se acentúa da man dunha crise na que as mulleres son dobremente agredidas, como traballadoras --remuneradas ou non-- e como mulleres, o Observatorio da Mariña pola Igualdade demandou esta quarta feira máis políticas de prevención e mellora na atención directa a aquelas persoas en situación de violencia machista.

Entenden que é precisa unha delimitación de prioridades de gasto adaptadas á realidade social. E é que "a cidadanía aínda non sabe que é a violencia de xénero, nin como parala". Porque existe "falta de coordinación e funcionamento dos distintos axentes que interveñen na atención ás mulleres" --persoal das FCSE, da xudicatura, da avogacía, persoal sanitario ou dos servizos sociais--. Porque "contan o trato humillante" que sofren moitas das que dan o paso de denunciar. A violencia machista asasinou 16 mulleres en catro meses no Estado español neste ano. Dúas eran galegas.

21% menos do orzamento respecto ao 2011
Con este panorama, o Observatorio alerta da redución nos orzamentos do Estado para o 2012 nas políticas dirixidas a paliar os malos tratos ás mulleres. O presuposto global da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero é de 23.905.000 euros, un 21% menos --6.457.180 euros-- menor que en 2011. "Evidénciase unha total falta de sensibilidade" con esta problemática, e os recortes "cébanse coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero"

Os fondos destinados á loita contra a violencia machista "sofren unha tesourada superior á do orzamento total do ministerio do que dependen, Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade". Este departamento ten para este ano un 13,75% menos (2309 millóns de euros). A isto hai que endadirlle, xa que estamos ante un problema multidimensional e de carácter transversal, os recortes das áreas de Educación e Sanidade. De Educación, porque a única prevención da violencia a longo prazo é a través da educación en igualdade. E na Sanidade vai afectar na atención ás mulleres, no tempo para a detección da violencia de xénero.

Así as cousas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade informa de que se manterán tres servizos de atención ás mulleres en situación de violencia machista: o servizo teléfonico do 061, as pulseiras GPS para os agresores e o teléfono de emerxencias con localizador de chamada e servizo 24 horas (Atenpro). Mais o que non contemplan os orzamentos deste ano é unha partida específica para o programa de reeducación de maltratadores, que supuña un custo dun millón de euros.

A última morta, unha galega emigrada en Madrid
Segundo os datos facilitados polo colectivo feminista, o 71% redúcese o presuposto destinado ás campañas publicitarias de sensibilización e contra a violencia machista, xa que se considera "que o gasto publicitario non é prioritario". Desde o Observatorio cuestionan o que consideran "unha falta de coñecemento da realidade", apostando por "reciclar e reutilizar" as campañas ou por difundir estas unicamente a través das redes sociais, tendo en conta que en moitas casas do rural nin sequera hai internet. "A alfabetización dixital non é universal nin pública", critican desde o colectivo.

Estase a incumprir a lexislación vixente e isto está repercutindo en cuestións tan básicas como na atención ás propias vítimas da violencia de xénero. Esta semana morría en Madrid unha muller asasinada polo seu marido. Juventina, galega emigrada, "fixera chamadas ao 061, @s veciñ@s avisaron á policía ante unha discusión de gravidade a horas intempestivas, os axentes presentáronse alí e saltáronse o abc básico: Non se pode entrevistar á vítima e ao agresor xunt@s e os servizos de atención ás vítimas teñen que respostar ante calquera indicio".