VIOLENCIA MACHISTA

Cuestionan a actuación policial en relación co asasinato dunha muller galega a mans da súa parella

Os axentes acudiron ao piso avisados por unha veciña mais, ao non lles abriren a porta, marcharon. Catro horas despois voltaron alertados por unha nova discusión, mais xa só puideron certificar a morte da muller, emigrada en Madrid. É a segunda galega morta por violencia machista este ano

O Parlamento español debaterá o protocolo de actuación da Policía en relación co asasinato feminicida en Madrid de J.C.S., de 74 anos. Trátase da segunda muller galega morta por violencia machista neste ano.

Segundo indicaron fontes da Xefatura Superior da Policía, unha unidade achegouse ao domicilio que a muller compartía coa súa parella logo de recibir a chamada dunha veciña informando dunha forte discusión. Segundo esta testemuña, os axentes "chamaron á porta e como non lles abrían non fixeron nada". Catro horas despois un novo aviso alertando doutra rifa levounos de volta á vivenda. A muller estaba morta e a súa parella --de 85 anos e que xa está detido-- feriuse ao intentar quitarse a vida e foi transladado ao hospital.

Tras coñecer a actuación da Policía, o PSOE pediu no Congreso a comparecencia do responsábel deste corpo, Ignacio Cosidó, para explicar o motivo polo que os axentes non procederon "da maneira habitual", isto é, levantando un atestado, tomando declaracións, investigando os feitos e separando á muller de quen, naquel momento, debera ser tratado coma un posíbel agresor.

Á petición de investigación deste protocolo para a súa revisión en casos relacionados cos malos tratos ás mulleres sumouse o Observatorio contra a Violencia de Xénero. A primeira morta por violencia machista en Galiza foi no concello de Vilardevós (Ourense). Tiña 65 anos e foi asasinada polo seu home, que despois tamén se suicidou.