Orgullo LGBT+ na rúa: "Podemos pór máscaras para protexer os demais, pero non imos permitir que nos amordacen"

Acto polo Día Internacional do Orgullo LGBT+ 2020 Imaxe Avante LGBT+ e AmiZando
Con máscaras e gardando as distancias de seguridade, colectivos galegos saíron este domingo á rúa no Día Internacional do Orgullo LGBT+. "Hoxe, un ano máis, tomamos as rúas, porque estamos orgullosas de ser quen somos, da nosa historia e do noso legado", manifestaron en Vigo, A Coruña, Ourense, Compostela, Lugo ou Ferrol.

A pesares das dificultades e das medidas de seguridade, non foron poucos os colectivos e Administracións locais que celebraron o Día Internacional do Orgullo LGBT+. En Compostela, Lugo, A Coruña, Ferrol ou Vigo tiveron lugar concentracións e Ourense acolleu unha manifestación que partiu da estatua de Eduardo Blanco Amor, convocadas por Avante LGBT+, AmiZando, Arelas, Sete Outeiros ou a asociación Nós Mesmas.

O colectivo non renunciou a tomar as prazas nos tempos da COVID-19. Nun manifesto, reclamaron “medidas para garantir a nosa supervivencia en dignidade, medidas como unha renda básica universal, políticas que favorezan a integración no mercado laboral e protección contra os despedimentos”.

Hoxe, un ano máis, tomamos as rúas. Porque estamos orgullosas de ser quen somos, da nosa historia e do noso legado. Loitamos por nós e polas que virán detrás, e se ben podemos por máscaras para protexer aos demais, o que non imos permitir é que nos amordacen”, proclamaron as manifestantes.

Loitamos por nós e polas que virán detrás, expuxeron as manifestantes

Durante o confinamento, o colectivo LGBT+ denunciou as dificultades que sufriron persoas cuxas familias rexeitan a súa sexualidade. “E esta nova crise non fixo máis que reforzar a nosa exclusión do mercado laboral”, engadiron as manifestantes.

As manifestantes aseguraron que en 2020 reabríronse debates que crían “superados”, coa normalización de discursos tránsfobos non só por parte de agrupacións de ultradereita, como a plataforma Hazte Oír que repartiu propaganda LGTBfóbica nos centros escolares, senón tamén por formacións “supostamente de esquerdas”.

Somos persoas, temos dereitos e imos loitar para que se nos recoñezan, reclamaron

Fronte a estes discursos, reclamaron que non son “unha teoría”. “Somos persoas, temos dereitos e imos loitar para que se nos recoñezan”. “Esiximos a completa despatoloxización”, engadiron, facendo fincapé en que o feito de teren que ser “esterilizadas, sexa mediante dous anos de hormonación ou mediante cirurxía, para que se nos recoñeza o dereito á cidadanía é un acto criminal”.

No seu manifesto, fixeron referencia ás protestas desencadeadas nos Estados Unidos a raíz do asasinato de George Floyd a mans dun policía e lembraron as orixes do propia Día do Orgullo LGBT+, as revoltas de Stonewall en 1969.

Estamos cansas, fartas e avergoñadas de tanta violencia e invisibilidade contra a comunidade negra, contra colectivos racializados, contra as comunidades que estamos minorizadas, contra calquera persoa que non cabe dentro das normas cishetero-patriarcado branco”, denunciaron.